Emilio González destaca a importancia das novas medidas aprobadas polo Goberno para mellorar a seguridade vial

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico, o subdelegado do Goberno en Ourense asegura que a mellor homenaxe é reducir o número de mortes e lesionados graves

O subdelegado do Goberno resalta o enorme traballo das asociacións de vítimas e fixa como obxectivo reducir no 50 por cento o número de mortes e lesionados graves

AVANTAR ACTIVIDADES

No que vai de ano contabilizáronse 11 falecidos en accidentes de tráfico na provincia de Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou a importancia das novas medidas lexislativas aprobadas esta semana para mellorar a seguridade vial e tratar de reducir as cifras de mortalidade nas estradas. Así o asegura coincidindo coa conmemoración este domingo do Día Mundial das Vítimas de Tráfico.

“Este domingo é un día para o recordo, pero tamén é un día para recoñecer a encomiable labor das organizacións de vítimas nos eidos da prevención, atención e reinserción das persoas afectadas pola violencia vial”, indicou á vez que agradeceu a dedicación dos axentes de tráfico, membros dos servizos de auxilio e emerxencia e outros profesionais relacionados coa seguridade vial.

Neste día, Emilio González incidiu na necesidade de continuar traballando de maneira coordinada entre as distintas administracións para “poñer fin á lacra dos accidentes de tráfico”, xa que “detrás de cada vítima agóchase un drama persoal para familiares e amigos”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno reiterou o compromiso do Executivo central e de toda a sociedade para loitar contra os comportamentos incívicos nas estradas. “Así se ven facendo dende hai anos, xa que nas últimas tres décadas o número de vítimas mortais reduciuse un 81%”.

Sen embargo, sinalou que os datos seguen a ser dramáticos,con 1.755 persoas falecidas en accidentes de tráfico en España en 2019 e 8.613 persoas hospitalizadas, “o que evidencia que se trata dun importante problema de saúde pública con amplas consecuencias sociais e económicas”. No caso da provincia de Ourense o número de falecidos en accidente de tráfico ata o 12 de novembro foi de 11 persoas (10 en vías interurbanas e 1 en casco urbano), mentres que no ano 2019 se contabilizaron 10 falecidos (8 en vías interurbanas e 2 en casco urbano).

Emilio González considera que “a mellor homenaxe e recoñecemento que podemos facer ás vítimas de accidentes de tráfico, aos seus familiares e achegados é o noso firme compromiso co obxectivo de reducir o número de mortes e lesionados graves nun 50% durante a década 2021/2030, tal como establece o denominado Sistema Seguro”.

Nesta liña destacou a importancia das novas medidas lexislativas aprobadas esta semana, coa autorización por parte do Goberno dun paquete de iniciativas sobre a seguridade vial, destacando a redución do límite da velocidade nas vías urbanas a 30 km/hora en rúas cun carril por sentido e 20 km/hora en rúas de plataforma única. O subdelegado do Goberno lembrou que esta medida contribuirá a facer unhas cidades máis humanas e a protexer aos usuarios máis vulnerables, como peóns e ciclistas, que supoñen o 82% das persoas falecidas na cidade.

Por último, Emilio González subliñou o lema da conmemoración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico para este ano 2020, “Recorda, Apoia, Actúa”, en clara alusión ao compromiso de atender ás vítimas con xustiza e sensibilidade, de loitar contra os comportamentos incívicos e de traballar xuntos por unha seguridade vial humana, construída sobre o principio da protección das persoas.