No psdeg-psoe ourensán “urxe” a redacción dunha nova ordenanza de veladores “transversal” e “consensuada” con todos os grupos políticos e os axentes sociais

Os socialistas levan anos resaltando a importancia de aumentar o control das terrazas en parques e prazas, co fin de dar resposta á problemática de máis de 450 locais que contan con licenza

Solicitan ao “microgoberno” que “se poña a traballar” que “deixe a un lado os documentos exprés” presentados nas últimas semanas e que “agochan unha ordenanza encuberta” na que se “deixan en vacío” diferentes aspectos

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense require a redacción duna nova ordenanza de veladores no Concello que conte co consenso de todos os grupos políticos e os axentes sociais implicados para “mellorar a convivencia na cidade”. Os socialista explican que a “parálise” na tramitación desta ordenanza afecta a outros “temas de saúde pública e benestar” como son a regulación dos ruídos e a erradicación do botellón en Ourense.

Esta reclamación trasladarana nunha moción para o pleno do vindeiro mes de decembro na que solicitan ao “microgoberno” que “se poña a traballar” nunha nova ordenanza e “deixe a un lado os documentos exprés” presentados nas últimas semanas e que “agochan unha ordenanza encuberta” na que se “deixan en vacío” diferentes aspectos como a “acesibilidade e o carácter transitorio da mesma obviando tamén o consenso social e político”.

A ordenanza de veladores actualmente vixente é do ano 1997, fai xa máis de dúas décadas polo que se trata dunha “normativa totalmente obsoleta”. Este é un dos motivos clave do “descontrol existente” na actualidade, explican dende o grupo. Os socialistas levan anos resaltando a importancia de aumentar o control da colocación de terrazas en parques e prazas da cidade, co fin de dar resposta á problemática de máis de 450 locais da cidade que contan con licenza de veladores, en total algo máis de 1.000 terrazas; e fixar unha serie de liñas fundamentais para “evitar o abuso e descontrol actuáis”, amparados ata agora por lagoas legais existentes na actual normativa.

Os concelleiros e concelleiras socialistas denuncian que durante este case ano e medio de mandato de PP e DO, non existise nin comisión nin mesa de traballo para a redacción da futura ordenanza de veladores, paralizando a tramitación coordinada coa Comisión de Ruidos e a Comisión do Botellón e evítase o consenso político e dos axentes sociais limitando a súa participación na mesma. Dende o PSOE manifestan a “falta de compromiso e vontade política” dos concelleiros do actual goberno e lembran que a anterior concelleira de comercio, María Dibuja, rexeitou crear esa comisión e seguir adiante con ese borrador de ordenanza en numerosas ocasións.

Dende o grupo municipal socialista consideran fundamental a “convivencia entre a utilización dos espazos públicos” por parte de comerciantes e hostaleiros e o “uso e desfrute” por parte da cidadanía. Ademais, consideran “imprescindible” que a aprobación da ordenanza sexa aparellada dun “estudio de medios persoais e tecnolóxicos” necesarios para podela levar a cabo e cumprila no futuro e que se poida aplicar de xeito “real e efectivo”. Outro aspecto a resaltar é que se  debería ter unha “especial atención” no casco vello, ter en conta a relación de rúas consideradas como “zonas saturadas de ruídos” na cidade e tamén a “modernización do control das terrazas” a través da colocación dun dispositivo nos locais que de maneira inmediata proporcionara información das licenzas coas que conta para saber se cumpre ou non coa legalidade. Todos estes aspectos estaban recollidos xa na aprobación inicial realizada polo goberno do PSOE no 2014 e que Jesús Vázquez desbotou na súa chegada ao consistorio deixando un “baleiro” durante os catro anos que durou o seu mandato, conclúen.