Os locais de ocio nocturno poden solicitar as axudas da Xunta ao alugueiro ata o próximo 27 de novembro

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre o apoio do Goberno galego a este sector

s locais de ocio nocturno poderán solicitar ata o próximo 27 de novembro as axudas ao alugueiro convocadas pola Xunta para este sector en concreto, que leva pechado desde o pasado 15 de agosto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o sinalou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que compareceu en comisión parlamentaria para responder a unha pregunta sobre o apoio do Goberno galego a estes locais.

Ao respecto, Villanueva recordou que a Xunta ten aberta unha canle de diálogo directa co sector desde o primeiro momento. No marco deste diálogo, aprobouse un Plan de reactivación do ocio nocturno que inclúe axudas para o mantemento do emprego, para a celebración de concertos cando se poidan volver celebrar, e para o alugueiro.

En concreto, o director xeral referiuse as axudas ao alugueiro, que dependen da Vicepresidencia primeira. Están dotadas cun orzamento total de 2,2 millóns de euros e aprobáronse a través da orde publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 27 de outubro.

Van dirixidas aos negocios que desde o pasado 15 de agosto permanecen pechados –agás as terrazas- tras a decisión adoptada para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, co obxectivo de conter o virus. Trátase das discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares destes establecementos que teñan contrato de alugueiro en vigor desde xaneiro de 2020 e que deberán estar vixentes durante un ano desde que se permita a reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período.

A contía das axudas, que chegarán a todos os que as soliciten e cumpran requisitos, variará en función do importe mensual do alugueiro e do número total de solicitudes, xa que o crédito total repartirase entre todos os solicitantes. No tramo máis elevado, a axuda poderá acadar ata os 20.000 euros.