Un folleto conmemora os 75 anos do falecemento do creador da Veracruz

Coincidindo coa conmemoración do 75 cabodano do pasamento do arquitecto Antonio Palacios Ramilo, a área de Turismo do concello do Carballiño, que coordina Manuel Dacal, editou un folleto divulgativo do Templo da Veracruz.

Trátase dun tríptico en edición bilingüe (galego e castelán) con información da xénese e dos protagonistas da construción do templo, así como dos distintos elementos que conforman a súa arquitectura.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na portada e contraportada do folleto, figuran dúas imaxes con dúas perspectivas do templo, unha diúrna e outra nocturna, esta última da fotógrafa Luisa Lorenzo.

Para a súa distribución, que se fará tanto nas dependencias de Turismo do concello como no propio templo e nos hoteis da vila, editáronse un total de 13.000 exemplares.

A concellería de Cultura programa por esta efeméride dous concertos extraordinarios do Orfeón do Carballiño no templo da Veracruz, que terán lugar os domingos 22 e 29 de novembro, respectivamente, pola limitación do aforo a causa das restricións polo coronavirus.