A ANPA do CEIP está reclamando maior información e unha comunicación máis clarificadora, máis completa e continuada. Unha reivindicación que lle fan a todas as autoridades e que o Alcalde non pode obviar. O concello ten o deber de interceder a favor de calquera situación que afecte a convivencia e conciliación de nais e pais, e debe intervir para que se apliquen as medidas contempladas no protocolo. Ademais, Ribadavia leva unha semana pechada perimetralmente e con medidas máis restritivas sen que se informara de maneira eficaz á veciñanza das implicacións deste novo contexto. Esta semana coñeciamos que o noso municipio vai continuar Pechado, e iso a pesar de que hoxe coñecíamos o dato de que os casos en Ribadavia descenden ata os 44 casos, o cal sendo unha boa noticia continúa indicando que a situación segue a ser preocupante, cun panorama moi complicado ante o elevado impacto do virus no noso concello. O noso grupo esixiu unha xunta de portavoces hai xa quince días e un pleno extraordinario hai unha semana, para que o goberno informe aos grupos sobre a evolución e incidencia da pandemia no noso concello e os protocolos que se están a seguir nos colexios, xa que as familias están moi preocupadas e levan moito tempo demandando maior información e dun xeito mais rigoroso e respectuoso. Desde Ribeiro en Común reclamamos que o goberno municipal actúe e non continúe a poñerse de perfil ante o grave problema sanitario que a nosa sociedade está a padecer: - Reclamamos accións máis contundentes no colexio: realización de probas para detectar alcance real do brote, e poder frealo. Coordinación entre autoridades, sanitaria e educativa, e comunicación con representante de nais e pais. - Estase incumprindo o propio protocolo, de por si laxo e insuficiente, o cal di que con 2 contaxios pódese pechar unha aula, e que con 3 contaxios débese pechar, sempre que as autoridades así o decidan, cousa que non están a decidir. - A situación está sendo moi preocupante, cun grupo de nais e pais que está a pedir o peche dunha aula ante o aumento a catro casos positivos. Dende a alcaldía tiñan coñecemento disto e non se fixo ningún chamamento a xefatura territorial de sanidade para que adoptara medidas. Non compartimos que no lugar de poñerse do lado de representantes de nais e pais, se acate as decisións da Delegación territorial de Educación sen máis. - Como consecuencia disto, hai nais e pais que decidiron por propia vontade non levar os seus fillos e fillas á escola. Para Ribeiro en Común todo problema que exista en Ribadavia e lle afecte a ribadavienses é materia de intervención do Concello e da súa Alcaldía. Non admitimos a escusa de que non é da súa competencia, porque cando falamos dun tema tan grave non existen fronteiras competenciais e a institución local de Ribadavia debe intervir en favor dos seus veciños e veciñas. O venres cúmpriuse unha semana desde que Ribadavia está pechada. Ese mesmo día Ribeiro en Común rexistrou a petición dun Pleno extraordinario. Para abordar medidas urxentes. Así mesmo, tiñamos solicitada tamén a convocatoria de Xunta de Portavoces, desde o día 24 de outubro, sen que desde a Alcaldía se convocara ningunha xuntanza cos grupos municipais para abordar a situación preocupante que vive Ribadavia. - A comezos desta semana, Ribeiro en Común solicitou información sobre si existe algún protocolo de vixilancia aprobado pola Alcaldía para abordar desde a Policía Local neste confinamento. Preguntamos tamén si existiu algunha consigna, orde e mandato da Alcaldía á Policía Local, a reposta é que non hai nada. Na Comisión informativa que tivo lugar o xoves 19 de novembro, Ribeiro en Común reclamou información da situación, e volveu reclamar todas estas cuestións: amparo do concello na situación nos colexios, informacións sobre situación dos brotes existentes, e reclamamos, unha vez máis, medidas de vixilancia por parte da Policía Local.
NOTA DA ANPA