A Xunta financia un albergue de 40 prazas no Mosteiro de Oseira

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións que se están a levar a cabo no mosteiro de Oseira para rehabilitar o antigo albergue, garantir a accesibilidade e construír novas dependencias para os peregrinos que percorren a ruta da Vía da Prata.

Os traballos enmárcanse no Plan de Albergues 2019-2021, dotado con 7 millóns de euros, co que se busca reforzar de cara ao Xacobeo 2021 a rede pública de albergues, que na actualidade conta con 70 establecementos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, neste caso, representa un exemplo da aposta da Xunta pola rehabilitación de edificios con valor histórico e patrimonial, que encaixa cos valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago.

Os traballos inclúen a rehabilitación do antigo albergue con melloras na planta baixa e primeira planta nas zonas de vestíbulo ou aseos, xunto coa construción dun novo albergue de 40 prazas nun espazo do mosteiro en desuso que contará ademais con zona común, aseos, baño adaptado para persoas con discapacidade e cociña.

Trátase, por tanto, dunhas instalacións accesibles co obxectivo de ofrecer un Camiño para todos, e nas que tamén se implantarán medidas de aforro enerxético. As dúas dependencias destinadas a peregrinos estarán plenamente integradas e conectadas entre si. Alfonso Rueda destacou que era preciso contar cun albergue “nun lugar tan emblemático e de parada obrigada” para os peregrinos que realizan esta ruta.

O Goberno galego continúa, pese ás restricións sanitarias, a ter todo a punto e nas mellores condicións para ofrecer a mellor imaxe de Galicia no Xacobeo 2021 coa mellora da sinalización das rutas xacobeas e co reforzo da rede pública de albergues a través dun Plan que inclúe a creación de novos locais, así como accións de mantemento, reforma ou ampliación dos xa existentes.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que con estas melloras preténdese “dotar de máis albergues e prazas á rede pública para acoller aos peregrinos que teñan previsto facer o Camiño”, aos que lembrou que “contarán con tódalas garantías con rutas seguras” nas que se levan a cabo tódalas medidas hixiénico-sanitarias fronte á covid-19 establecidas polo Instituto para a Calidade Turística (ICTE).