O BNG de San Cristovo de Cea denuncia problemas na xestión e fiscalización do Concello derivados da carencia de secretario-interventor

Para os nacionalistas, estamos ante unha situación grave posto que entre as funcións do secretario-interventor figuran a de aportar seguridade xurídica e sobre todo a de fiscalización da acción municipal

O BNG no Concello de San Cristovo de Cea denuncia que desde fai algo máis de 4 meses, o Concello non dispón de secretario-interventor debido á enfermidade e posterior pasamento do anterior.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os nacionalistas destacan que estamos diante do cargo máis importante dentro do organigrama municipal e cuia presenza é obrigada para todas as corporacións locais. Inciden en que o secretario-interventor ten, dentro das súas funcións, a de dar fe pública e o asesoramento legal preceptivo así como a do control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, a de contabilidade, tesouraría e mesmo a de recadación.

No pasado pleno ordinario do mes de setembro, o BNG de San Cristovo de Cea xa formulou unha pregunta oral á alcaldía sobre as xestións efectuadas ata aquel momento para cubrir o posto do falecido secretario-interventor.

Diante da ambigüidade na resposta dada pola alcaldía, dous meses despois Cea segue sen secretario e non se coñecen nin as xestións realizadas, nin o tempo que se alongara esta situación, polo que agora formulan a pregunta de novo por escrito esixindo unha inmediata solución.  

Tal como ben afirman os nacionalistas, a súa ausencia, propicia a ralentización da acción municipal e dos procedementos e expedientes en marcha, así como que se poida executar unha fiscalización da acción municipal axeitada e solvente.