O BNG propón un banco de locais, formación e circuítos curtos para o comercio local de Celanova

  • As nacionalistas volverán exixir no pleno as medidas acordadas en xuño de axudas directas, aforros fiscais e orientación para autónomos e comerciantes.
  • Despois de discutilas cos propios comerciantes, o BNG apoiará as iniciativas de Celanova CHEA para crear un ‘market place’, un programa de bonos para incentivar o consumo e crear un servizo de reparto.
  • O BNG critica que o alcalde “tarde cinco meses en botar unha firma” para arrancar os trámites da redacción das bases que regularán unhas axudas das que non di en que consisten, que orzamento comprometen e cando serán efectivas.

O BNG de Celanova solicitará o acordo plenario da corporación municipal de Celanova o próximo mércores para que o Concello de Celanova poña en marcha un banco municipal de locais baleiros e en desuso a ofertar en réxime de alugueiro, que realice unha enquisa sobre o sector servizospara orientar as política públicas, que dinamice espazos de co-working para profesionais, que elabore unha guía de circuítos curtos de consumo para que o diñeiro se quede na economía local e que, en colaboración cos colectivos de comerciantes e autónomos, ofreza formación e fomente o asociacionismo neses ámbitos.

“Son medidas complementarias ás que presentamos en xuño, e foron acordadas no plenario, pero que o alcalde se nega a executar”, explica o concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez. “Despois de cinco meses, volveremos exixir que se cumpran os acordos, porque ademais os comerciantes tamén mostraron a súa conformidade con aquelas medidas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, o BNG reclamará na súa moción que se cumpran as propostas nacionalistas que foron acordadas en xuño por maioría co apoio do PP.

O BNG volverá pedir que se cree unha Oficina municipal de orientación e asesoramento para que autónomos e comerciantes accedan ás axudas públicas, que se estuden os aforros posíbeis (a través de suspensión de taxas, aprazamentos ou fraccionamento) dos impostos municipais, que se baixe o IBI (tal e como fixeron outros concellos), que se habilite un fondo de axudas aos autónomos e comerciantes para compensar os gastos derivados da covid e que se dea un impulso ás feiras dos xoves, ao mercado de abastos e se recupere o feirón mensual.

“Todo iso está acordado, mais non se fixo nada”, insiste o concelleiro do BNG.

Reunión coa directiva de Celanova CHEA

“Os comerciantes precisan esas medidas e así nolo transmitiron”, di Leopoldo Rodríguez, que xunto a outros membros do BNG, mantivo hai dúas semanas unha reunión coa coa directiva de Celanova CHEA antes de elaborar a segunda proposta de medidas de apoio ao comercio, á hostalaría e outros oficios.

Na xuntanza, a directiva da asociación de comerciantes e o BNG coincidiron nalgunhas iniciativas a levar a pleno: o mercado virtual en Internet (‘market place’) e o programa de bonos para incentivar o consumo, e as nacionalistas tamén avanzaron o seu apoio á creación dun servizo de reparto a domicilio. Despois de intercambiar puntos de vista e información, estas tres propostas figuran no escrito que Celanova CHEA rexistrou esta semana no Concello.

O BNG aconsellou á directiva dos comerciantes que tramitase o escrito como moción para que chegase o pleno con parte dispositiva, e non só como proposición.

Cinco meses para botar unha firma

Por outra parte, a asemblea local do BNG de Celanova mostra a súa sorpresa polo anuncio -cinco meses despois de que o pleno acordou iniciativas urxentes de apoio ao comercio e aos autónomos- feito polo goberno municipal a través do Facebook dunha “sinatura” dun decreto “para incoar un expediente” de subvencións a estes sectores “para que nos próximos días” empece a redactarse as ordenanzas que “regularán a concesión” desas axudas.

Non se entende que o alcalde tarde cinco meses en botar unha firma.