Os socialistas denuncian que a situación no antigo centro de saúde “é insostible” por mor das pequenas dimensións e dadas as restricións orixinadas pola COVID que “obrigou a instalar carpas para que a xente agarde a súa cita na rúa”
O voceiro do PSdeG, Jorge Gutiérrez, salienta que “Feijóo veu a inaugurar un centro de saúde que non inaugurou, xa que segue pechado” e esíxelle que cumpra co anunciado na súa visita, “cando se comprometeu a súa apertura nun prazo dunha semana”
O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar reclama a apertura “urxente” do novo centro de saúde do municipio, que se atopa rematado, sen estrear e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo veu a inaugurar o pasado 6 de novembro. Os socialistas denuncian “anos de retrasos nas obras” e consideran “incomprensible” este novo retraso dunha instalación sanitaria que consideran “esencial” para os veciños e veciñas da localidade que “logo de atrasos continuados, teñen que ver como a día de hoxe continúa pechado en plena segunda onda de pandemia orixinada pola COVID-19.
Trátase dunha demanda histórica da veciñanza e do grupo socialista, xa que o municipio conta cunha poboación superior a 6500 habitantes -superan os 8000 no verán, que levan unha década reclamando a Xunta un novo centro de saúde con medios materiais e humanos suficientes para as necesidades da poboación actual. Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que a situación sanitaria en Pereiro de Aguiar “é insostible” xa que o vello centro de saúde consta dunhas dimensións moi pequenas e dadas as actuais restricións orixinadas pola COVID, “tan só pode entrar unha persoa no centro, polo que o resto debe agardar a súa cita nunhas carpas que se instalaron na rúa”. Os socialistas tamén fan fincapé en que a segunda planta do vello centro de saúde, “non esta adaptado para persoas con mobilidade reducida ao non existir ascensor”.
O voceiro socialista en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, salienta que “Feijóo veu a inaugurar un centro de saúde que non inaugurou” e apunta que esta circunstancia “carece de sentido”. Os socialistas tamén esixen ao presidente da Xunta de Galicia que “cumpra co anunciando na súa visita, cando se comprometeu a súa apertura nun prazo dunha semana, pero seguimos agardando co centro pechado e co vello e pequeno centro de saúde do anos 80”. Tamén apunta as promesas incumpridas do conselleiro de Sanidade que antes do verán manifestou que “estaría inaugurado e aberto, pero seguimos agardando”. Gutiérrez tamén manifesta que a urbanización e construcción dun aparcadoiro dacontorna do novo centro de saúde que “ten que acometer o Concello, aínda non se comezou a arranxar”.
Os socialistas reclaman ademais que o centro inclúa novas especialidades en odontoloxía, fisioterapia e pediatría como xa contan outros municipios como Allariz, Ribadavia ou Barbadás. Lembran que ademais de no contar con servizo de odontoloxía, fisioterapia ou pediatra, “será rotativa e compartida con outros concellos, cando Pereiro ten máis de 3500 tarxetas sanitarias, das cales unhas 300 corresponden a rapaces e rapazas de menos de 15 anos”, apunta Gutiérrez.
O pasado 17 de decembro, a parlamentaria socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que poña en marcha o novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar e denunciaba que “a infraestrutura xa está rematada e mesmo inaugurada oficialmente polo presidente da Xunta, pero segue sen abrir as portas”.