A Deputación de Ourense presenta o proxecto do “Parque da Igualdade”, un espazo para sensibilizar sobre a violencia de xénero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a deputada de Igualdade, Luz Doporto, presentaron esta mañá no Pazo provincial unha recreación virtual en 3D do futuro Parque da Igualdade, espazo que estará situado no encoro de Cachamuíña e no que se renderá unha homenaxe permanente ás vítimas da violencia de xénero. A presentación desta iniciativa, da que non consta proxecto semellante, coincide coa celebración hoxe, 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que os representantes políticos e traballadores da Deputación lembraron ao mediodía cun minuto de silencio ás portas da institución.

Manuel Baltar subliñou que esta iniciativa “supón pasar das palabras ao feitos, materializando a nosa política de apoio, defensa e reivindicación da igualdade, que forma parte do actuar desta institución”. Así se reflicte nos obxectivos incluídos no primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes da Deputación de Ourense, aprobado en 2017 e vixente ata 2021, que ten como finalidade fomentar e poñer en marcha medidas que garantan cambios sociais en base aos principios da igualdade, a solidariedade e a xustiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Esta política require de educación, aprendizaxe e sensibilización”, sinalou o presidente da Deputación, quen destacou “a oportunidade que nos brinda a tecnoloxía con esta visita virtual para anticiparnos no tempo e coñecer como será este espazo”, que se calcula estea aberto ao público nos primeiros meses de 2021.

A deputada provincial de Igualdade, Luz Doporto, explicou que a recreación en 3D do Parque, á que se pode acceder desde a web da Deputación, “permite facer xa unha visita virtual deste espazo concibido como ferramenta para visibilizar ás vítimas, educar á sociedade e previr a violencia de xénero”. Ao igual que o parque físico, coa recreación virtual “preténdese visibilizar ás vítimas e cambiar este concepto polo de “sobrevivintes”, evitando que se esquezan os seus nomes e as súas historias detrás dun número”, afirmou Doporto.

Camiño emocional

Nunha superficie próxima aos 2.800 metros cadrados, o parque constará dun amplo paseo en forma de lazo, onde os visitantes atoparán, entre bidueiros e lavandas, obstáculos de pedra, troncos queimados e outros elementos a senda que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno. Ademais e como novidade, poderá escollerse o recorrido para catro momentos do día: amencer, mediodía, solpor e noite.

No centro do óvalo que formará o lazo, a loita das mulleres pola igualdade estará representada por unha escultura dun artista ourensán, na que figurarán os nomes de todas as vítimas da violencia de xénero desde o 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos, e que a data de hoxe alcanza tráxica cifra de 1.074 mulleres asasinadas.

Nesta primeira fase da recreación en 3D, que se pretende seguir desenvolvendo con novas seccións, trabállase a chamada “escaleira da violencia”, dado que é habitual que as vítimas non perciban os primeiros sinais de perigo. Así, a medida que os visitante virtual avance escoitará mensaxes relacionadas coa progresiva degradación da convivencia e as situacións que provoca, ata que desembocan na violencia en calquera das súas formas.

O Parque da Igualdade estará integrado na futura área natural e de ocio que a Deputación vai construír o próximo ano na contorna do encoro de Cachamuíña, convertendo a esta área do Concello de Pereiro de Aguiar no gran pulmón verde de Ourense.