Fabiola García anuncia un plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar para atender a 6.000 persoas máis que agora

PARLAMENTO 13,15 h. (aprox.)- A conselleira de Política Social, Fabiola García, responderá no Pleno unha pregunta sobre pobreza e exclusión social. No Pazo do Hórreo. foto xoán crespo 25/11/2020

Destacou que na actualidade 24.000 galegas e galegos se benefician do SAF e que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de atención a través deste servizo

Explicou que co SAF Extraordinario prestáronse medio millón de horas de atención para usuarios de centros de día que estaban sen actividade, e outras casuísticas de carácter urxente

AVANTAR ACTIVIDADES

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou esta tarde que o Consello da Xunta revisará mañá un plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para atender nos seus domicilios a unhas 6000 persoas máis que agora. Fíxoo nunha resposta oral no Parlamento autonómico na que destacou que o SAF chega na actualidade a 24.000 persoas, o que fai de Galicia a comunidade con maior porcentaxe de atención a través deste servizo: preto do 33% o dobre que a media nacional.

Na súa intervención, Fabiola García tamén fixo balance do Servizo de Axuda no Fogar temporal e extraordinario que a Xunta lanzou o pasado mes de abril e que remata este mes. Ao longo destes meses puxéronse a disposición de todos os concellos medio millón de horas de atención profesional a domicilio, 100% gratuítas para as 3500 persoas que resultaron beneficiadas e cun investimento de 6 millóns de euros.

A titular de Política Social sinalou que este SAF Extraordinario naceu para prestar unha atención temporal ás persoas afectadas pola suspensión das actividades que a covid-19 motivou nos centros de día de persoas maiores e con discapacidade, nos centros de atención ao alzhéimer e nos centros ocupacionais —servizos que hoxe xa funcionan con normalidade—; e outras casuísticas de carácter urxente.

Continuidade da atención

Neste sentido, a conselleira explicou que o feito de que estes centros estean de novo abertos non significa que se deixe de prestar a atención a domicilio, senón que estas axudas excepcionais deixan paso ao sistema habitual de prestacións regradas.

Así, as persoas con dependencia seguirán tendo ao seu dispor o SAF Dependencia, con oito millóns de horas en toda Galicia; e as persoas que, aínda non sendo dependentes necesitan unha atención urxente, teñen á súa disposición o SAF de libre concorrencia. Trátase de dous servizos ofrecidos polos concellos e contan cun importante apoio financeiro da Xunta de Galicia.