O Psdeg-Psoe de ourense denuncia o “absoluto abandono” do “microgoberno” co desenvolvemento do plan de mobilidade sostible despois dun ano da súa aprobación

“Jácome non aposta polo modelo de cidade do PMUS” e tampouco ten “valentía política” para desenvolvelo, só lle interesa “encher Ourense de escaleiras mecánicas sen saber se son viables”, din os socialistas

Esixen, unha vez máis, que se poña en marcha a Oficina Municipal de Mobilidade, a comisión de seguimento do PMUS, Ourense Cidade 30, e todas as medidas previstas para este primeiro ano

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia o absoluto desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sostible (PMUS) despois de cumprirse un ano da súa presentación. Neste senso, o grupo socialista solicitará no vindeiro pleno do Concello  que, de maneira urxente, se “constitúa e convoque a Comisión de Seguimento do PMUS” e se poñan en marcha todas as medidas recollidas no plan para o presente ano, planificando entre todos o cronograma de implantación das restantes e poñendo freo a todas aquelas actuacións que non sexan financieiramente sostibles ou técnicamente inviables, primando o interese público ante calquera tipo de personalismos e sabendo que se trata dun dos proxectos máis importantes para o Ourense do século XXI.

A piques de cumprirse un ano da aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense, o grao execución por parte do goberno municipal é “nulo”, propiciado claramente pola “incapacidade do actual Alcalde”, Gonzalo Jácome, e tamén porque xa dende a oposición “nunca creu que a mobilidade fora unha aposta estratéxica para o desenvolvemento da nosa cidade”, explican os concelleiros do PSOE. Así mesmo poñen de manifesto que soamente  a concibe para “facerse a foto” e cumprir a súa pretensión de “encher Ourense de aparellos mecánicos”, que en moitos casos, poden “hipotecar o futuro económico da cidade e desembocar en feísmo urbanístico polo seu posterior abandono ou falta de uso”.

“O 28 de novembro de 2019 o PMUS foi aprobado en Xunta de Goberno Local” explican dende o PSOE. Dende aquela data, “pouco ou nada” se sabe sobre as actuacións concretas que estaban previstas a curto prazo no dito plan por parte do anterior bipartito PP-DO, e agora tamén por parte do actual goberno a tres da cidade.

Os socialistas reclaman que durante este primeiro ano xa se tiñan que ter aplicado medidas coma a “implantación da Cidade 30” (que conta dende hai meses con informe favorable da Policía Local e que agora co novo paquete de medidas do Goberno Central vai ter que limitarse obrigatoriamente de xeito inminente), a “apertura da Oficina Municipal de Mobilidade” (da que nada se sabe), a “constitución da comisión de seguimento” (aínda pendente de constituirse), a “adhesión formal á Red de Ciudades que Caminan” (sen novas sobre a súa tramitación tampouco), a creación do “Metrominuto” ou a “redacción da ordenanza de uso do espazo público”,tal e  como se recolle na memoria do PMUS.

Os exemplos máis claros da desidia do alcalde á fronte do executivo local foron a “non celebración este ano da Semana da Mobilidade no mes de setembro”, na que foron incapaces de desenvolver un programa de actos; e tamén a “oportunidade perdida durante o confinamento para promover peonalizacións” ou fomentar o uso da bicicleta ou do transporte público, como se fixo con notable éxito noutras cidades galegas e do territorio español. Por outra banda o alcalde céntrase en “anuncios megalómanos e insustanciais” como o anuncio dun carril bici de punta a punta da cidade no que “non se están a dar pasos para levalo adiante”, e a redacción de varios estudios xeotécnicos e proxectos relativos á mobilidade vertical en zonas coma a Rúa Concordia, Rúa Nicomedes Pastor Díaz ou Xan de Nóvoa, pero “que carecen de estudios de viabilidade e custes de mantemento complementarios”, que responden única e exclusivamente á “teima de Jácome de encher Ourense de escaleiras mecánicas co perigo de que estas poidan caer no abandono no futuro polos seus altos custes de execución e posterior mantemento”.

O Grupo Municipal Socialista, unha vez máis, está convencido de que hai que facer unha “aposta inequívoca pola implantación dun novo modelo de mobilidade en Ourense, froito do consenso e a vontade política”, que poida mudar a conciencia cidadá, e que só pasa por levar adiante os compromisos recollidos no PMUS para os vindeiros anos.