Os socialistas reclaman “auxilio inmediato” da Deputación de Ourense e da Xunta para “rescatar” á veciñanza do Bolo illada desde hai un ano por unha enchente

IES CHAMOSO LAMAS

A ponte continúa cortada “obrigando a dar un rodeo inasumible” e impedindo desprazarse á capital municipal “nas condicións adecuadas de seguridade e confortabilidade” co PP “de brazos cruzados”

Demandan a implicación da Xunta, a Deputación e a Confederación Hidrográfica para que veciños e veciñas poidan desprazarse “baixo as condicións adecuadas de seguridade e confortabilidade”

HIPER MASIDE

AUDIO Premer na Imaxe

O  PSdeG-PSOE  denuncia un  novo exemplo de “desleixo” do PP de Ourense co rural da provincia. Os socialistas desprazáronse hoxe ata a ponte que une as localidades de Barxa e O Seixo, cruzando o río Xares no municipio de O Bolo, impracticable desde fai un ano cando unha riada motivou o corte indefinido desta estrutura de titularidade municipal, tras aparecer perigosas gretas nos arcos. A estrada continúa cortada un ano despois da enchente, o que obriga á veciñanza a dar un “rodeo quilométrico inasumible” para cruzar a outra beira, impedindo que os veciños e veciñas poidan desprazarse ata a capital municipal “baixo as condicións adecuadas de seguridade e confortabilidade”.

Ata o lugar acudiron o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e os deputados provinciais Ignacio Gómez e Aurentino Alonso. Tamén estiveron no acto o senador, Miguel Bautista; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, e o voceiro municipal no Bolo, Juan Ferreira. Os socialistas esixen a implicación doutras administracións como a Deputación ourensá ou a Xunta, “auxilio inmediato” insisten, co fin de dar “solución a este problema grave” que o Concello do Bolo, gobernado polo Partido Popular, “ignora vergoñentamente desde hai un ano, cun alcalde de brazos cruzados a pesar de ter á veciñanza illada”.

O voceiro municipal, Juan Ferreira, recordou que o grupo socialista “estivo a disposición do Concello do Bolo desde o primeiro momento” ofrecendo “colaboración” para “o que fose necesario”, co fin de arranxar esta situación canto antes. “Pasados uns meses vimos que non facían nada e no primeiro pleno dixémoslle á alcaldía que seguiríamos colaborando pero desde unha comisión bipartita”, recordou, xa que “non facían absolutamente nada”. Ferreira denuncia que, a día de hoxe, nin se constituíu esa comisión nin se arranxou a ponte,  unha  situación  “moi  preocupante”  acompañada  de  “declaracións nefastas” do alcalde.

O edil recordou que o técnicos determinaron que hai que tirar esta ponte e facer unha nova cun custe aproximado de medio millón de euros, unha cantidade de cartos “que, por suposto, o concello non ten”. “Non sabemos se o alcalde ten algún interese en que non se arranxe ou se é incapaz de resolver este problema”, preguntou.

O deputado provincial, Aurentino Alonso, explicou que “nun radio de 15 quilómetros temos tres estradas cortadas e con problemas como son a estrada de San Vicente, a de Manzaneda e esta no Bolo”, unha situación que definiu como “inadmisible” polo que, advertiu, “pelexaremos para que a Deputación de Ourense se implique” na solución de todas elas. “Un concello como O Bolo ten complicado  asumir  un  orzamento  de  medio  millón  de  euros,  pero  hai organismos que si se poden implicar como son a deputación, a Xunta de Galicia ou a Confederación Hidrográfica”, aseverou antes de resaltar que “falta vontade para solventar o problema”.

O secretario provincial e voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, insistiu en que “estamos aquí para axudar aos veciños e veciñas do Bolo” que “intentan algo tan básico como estar comunicados”. “Esta ponte é un símbolo do abandono do rural” por parte do PP, denunciou antes de salientar que “é algo que o propio alcalde debería ter arranxado”. “Estamos aquí todos nós para tender pontes e non para deixar que caian, deixando incomunicando a un concello”, concluíu antes de preguntarse onde están o alcalde do Bolo, así como os deputados provinciais, autonómicos e nacionais dos populares aos que “parece que este problema non lles importa”.