Os establecementos do Carballiño poden adherirse ó bono comercio ata o 15 de decembro

Tras asinarse o convenio de colaboración entre a Área de Promoción Económica do Concello do Carballiño e a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, o  programa de tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para a reactivación da economía local, bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para os establecementos  interesados en participar.

O prazo de participación estará aberto dende o 1 de decembro ata o 15 de decembro, e as inscricións realizaranse a través da web ocarballinocontigo.com.  Calquera consulta ou dúbida relacionada co programa atenderase exclusivamente a través do correo electrónico info@ocarballinocontigo.com.

AVANTAR ACTIVIDADES

A participación obriga aos establecementos  a colocar os materiais informativos da campaña nun lugar visible dos mesmos, a utilizar a imaxe oficial do programa en calquera publicidade ou promoción que realicen e a comunicar á Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións.

Unha vez remate o prazo de adhesión dos  establecementos,  abrirase  o período de distribución  das  tarxetas bono “O Carballiño Contigo”  para todas as persoas maiores de 18 anos. A veciñanza poderá  adquirir,  previo pago de  25 €,  unha tarxeta bono de 50€  por persoa presentando o seu DNI,   implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local.

Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa contribúe a fomentar a economía circular, porque só serán válidos no Carballiño; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local.

A campaña terá un gran impacto na vila, xa que se distribuirán un total de  2.000 tarxetas e  poden participar todas as empresas excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados), as estacións de serrvizo de combustible e as salas de xogo/apostas; e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado , garántese a recuperación do consumo a curto prazo.

A maiores, a iniciativa persegue a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.