Os novenos premios do Ribeiro premian o traballo profesional de Luis Paadín

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro ten todo listo para a novena edición dos seus Premios D.O. Ribeiro que, neste 2020 tan especial, se celebrarán por vez primeira en decembro; concretamente o xoves 17, ás 12.00 horas e no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Será unha gala distinta, propia dun momento de reinvención, collendo o bo do pasado, amosando o presente da Denominación e encarando con optimismo o futuro. Un evento híbrido e máis galego que nunca, no que participarán en directo un reducido número de persoas, e no que todos os amigos da D.O. Ribeiro poderán asistir de xeito virtual a través das súas canles de difusión.

AVANTAR ACTIVIDADES

Luis Paadín será recoñecido co Premio ‘Persoeiro de Honra’.

Paadín é unha “figura fundamental para o desenvolvemento, mellora e recoñecemento dos viños galegos de calidade”, en palabras de Juan Manual Casares, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro.

Luís  L.  Paadín é catador, profesor de Análise Sensorial e Servizo así como Técnico de Viticultura e Enoloxía (Universidade de Vigo).

No seu labor como escritor, é autor e coeditor da “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia”, coautor e  coeditor de “As pedras que facían Viño”, viaxe polos Lagares Rupestres de Galicia, así como articulista en varios medios impresos e dixitais.

Membro de diversas asociacións entre as que destaca por ser socio fundador e presidente durante catro anos da Asociación de Catadores de Galicia “Gallaecia”, membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e  Espirituosos (FIJEV), da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores de Turismo (FIJET), é director dos eventos “Galician Wines”, director durante 10 anos do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia, director do III Concurso Internacional de viños do Noroeste, entre outros.

Tamén destaca por ser catador de numerosos concursos internacionais como Terravino Israel, MinhoWineTasting, Les  Citadelles du  Vin, Mundial de Bruxelas,  Concours deas  Ligersdu  Val de  Loire,  Concours Mondial de  Bruxelles Chile,  Tastevinage de  Printemps Bourgogne, Premios Mezquita,  CINVE, etc.

Sucederá deste xeito aos anteriores homenaxeados nesta categoría dende o ano 2012: José Luis Hernáez Mañas, Paco Rego, Josep Roca, os restaurantes galegos con Estrella Michelin, Cristino Álvarez, Sarah Jane Evans, César Lumbreras e Paradores.

O día 17 de decembro recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de  colleiteiro, da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Ademais entregaranse os premios “Muller e viño”, “Mellor labor de comunicación”, “Vida entre Vides”, “Mellor servizo de viño en restaurante”, “Tenda especializada – viñoteca” e “Taberna – bar de viños”.