Sanidade lembra que a mellor medida contra a infección polo VIH é a prevención, xa que non existe vacina ou tratamento curativo

A Coruña O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitará a asociación CASCO, Comité Antisida da Coruña 30/11/2020 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

Durante unha visita ao Comité Cidadán Antisida da Coruña, o titular da carteira sanitaria puxo en valor o labor encomiable de todas as entidades que traballan neste ámbito

A consellería está a destinar preto de 1,3 millóns de euros a apoiar proxectos que centran a súa atención no eido da prevención e da detección precoz

AVANTAR ACTIVIDADES

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, incidiu, esta mañá, na prevención como a mellor medida contra a infección polo VIH, ao non existir nin vacina nin tratamento curativo.

Na xornada previa ao Día Mundial da Sida, García Comesaña visitou o Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO), co fin de destacar o labor encomiable de todas as entidades sen ánimo de lucro que traballan neste ámbito. Así, no caso concreto de CASCO, á que cualificou de “imprescindible”, o conselleiro de Sanidade agradeceu os seus trinta anos de dedicación e compromiso.

Resaltou a necesidade de manter unha colaboración estreita e de continuar co traballo en equipo entre administracións e asociacións. “É a suma de esforzos a que nos achega antes ao obxectivo común: atender a quen máis o precisa e proporcionarlle maior e mellor expectativa e calidade de vida”, apuntou García Comesaña.

Asemade, recordou que, a través das dúas últimas ordes de subvencións –que abranguen o período de 2017 a 2022-, a Consellería de Sanidade está a destinar preto de 1,3 millóns de euros en apoiar proxectos que centran a súa atención, principalmente, tanto na prevención como na detección precoz do VIH. Deste importe, CASCO recibe máis de 223.000 euros, por ter sido a entidade máis valoradas nas dúas ordes.

A importancia da prevención

Durante a xuntanza, aproveitou para expoñer algún dos datos do “Informe VIH-sida e outras infeccións de transmisión sexual en Galicia 2020” –que se presentará mañá, con motivo do Día Mundial da Sida-. Así, lamentou que, a pesar das moitas campañas de prevención, seguimos atopando prácticas e comportamentos de risco entre a poboación.

Analizando o patrón epidemiolóxico da transmisión do virus, predomina a vía sexual cun 80% dos casos. É importante lembrar que arredor do 13% da poboación infectada polo VIH non sabe que está infectada, e pode estar transmitindo a infección a outras persoas se teñen prácticas sexuais non seguras.

Por iso, resaltou a necesidade de seguir impulsando as campañas de prevención e a proba rápida do VIH, xa que, tal e como remarcou, “o diagnóstico precoz pode salvar vidas”. Sobre isto último, dixo que, actualmente, o 48% dos novos casos de infección polo VIH presentan diagnóstico tardío. E, entre 2004 e 2019, algo máis da metade dos casos de sida rexistrados coñeceu ao mesmo tempo a súa condición de infectado polo VIH e a da enfermidade.

Diagnóstico precoz e tratamento

Segundo subliñou, as campañas preventivas postas en marcha pola Administración Autonómica nese eido acadan unha especial relevancia. Unha das máis importantes no fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia é o programa de probas rápidas. Estas probas empregan unha mostra de saliva, son gratuítas, anónimas e están accesibles para a comunidade, a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas.

Outros programas exitosos na prevención do VIH e que se seguen a desenvolver na actualidade son o Programa de intercambio gratuíto de xiringas e o Programa de venta subvencionada de kits de inxección hixiénica. Tal e como salientou García Comesaña, ambos “conseguiron reducir dun xeito importante a aparición de novos casos de VIH” asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.

Asemade, son varias as campañas preventivas da Consellería de Sanidade que promoven o sexo seguro, como o Programa de promoción do preservativo e o programa Xente con Don, iniciado no curso 2016-2017, e que se oferta dende entón aos centros de ensino secundario e de formación profesional de Galicia.

Por último, subliñou que, a finais do ano pasado, púxose en marcha o protocolo do Programa da implantación da profilaxe preexposición ao VIH en Galicia, anticipándonos ao resto do Estado, dirixido a un grupo de poboación cun risco moi elevado de adquirir a infección.