Nota de Ribeiro en Común : “O Concello de Ribadavia perde o obradoiro de emprego da Xunta que si conseguen Leiro e Beade”

O goberno de Ribadavia leva meses publicitando un obradoiro que finalmente foi rexeitado.

Unha mostra máis da falta de preocupación ou incapacidade do Alcalde para conseguir proxectos de mellora da situación de falta de emprego na que se atopa Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O mesmo aconteceu con outra promesa do PP, o Plan Integrado de Emprego para Mulleres, tamén publicitado de forma demagóxica no 8 de marzo do ano pasado anunciando que se ían contratar a 100 mulleres, e que foi suprimido.

Ribadavia como capital comarcal e con altas taxas de desemprego e con perda poboacional continúa na dinámica dos últimos anos de perda de poboación activa de emprego.

Cun goberno local instalado na propaganda baleira e sen traballo real en materia de plans de emprego. Algo que Ribeiro en Común leva anos reclamando, e mesmo logrando aprobar no Pleno, para que o Concello realice un Plan de Emprego destinado a reactivar a situación na que se atopan moitos veciños e veciñas de Ribadavia.

Para Ribeiro en Común os Plans de Emprego deben ser transversais e permanentes nas políticas municipais, non nacer e morrer cun obradoiro de emprego, pero o que xa é o colmo é que este goberno sexa incapaz de non conseguir ningún obradoiro dos dous que publicitou e mesmo lle prometeu a algúns veciños en paro.

Ribeiro en Común seguirá traballando e realizando iniciativas para que o Concello se tome moi en serio as políticas activas de emprego, pois Ribadavia só terá futuro se os nosos veciños somos capaces de poder vivir e traballar aquí sen ten que marchar. Ribadavia debería aspirar a ser centro atraente onde se asente poboación comarcal e de outras partes da provincia, e non ser un municipio ao cal outros concellos menores e máis pequenos lle quitan recursos e poboación.

Axuntamos ligazón resolución de Obradoiro Emprego e de Plan Integrado Emprego:

https://emprego.xunta.gal/portal/gl/10-demandantes/demandantes-gl/501-obradoiros-duais-de-emprego.html#obradoiros-duais-da-provincia-de-ourense

https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/?option=com_content&view=article&id=470#programas-integrados-de-emprego-de-entidades-sen-animo-de-lucro