O Psdeg-Psoe de Vilardevós amosa a súa “total repulsa” a dedicación exclusiva de 18.171 euros aprobada polo goberno do PP para unha das súas concelleiras

Os socialistas critican que namentres se “malgastan” estes cartos municipais para pagar a unha política, hai ata seis vacantes de empregados públicos no Concello sen cubrir

O voceiro do PSdeG no municipio, Julio Prada, apunta que “é moi grave” que a prioridade do rexedor “sexa aprobar unha dedicación exclusiva sen competencias para a súa concelleira”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Vilardevós amosa a súa “total repulsa” a decisión adoptada no pleno do día de hoxe do Concello e no que o grupo de goberno municipal do Partido Popular aprobou unha dedicación exclusiva de 18.171 euros para unha das súas concelleiras, Belén Rigüela Rodríguez. Os socialistas critican que hai “numerosas vacantes” de traballadores municipais sen cubrir e denuncian que “non é o momento” de pagar favores políticos e “malgastar” en pagos a políticos cando o concello ten “graves carencias” en materia de emprego municipal.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian o “escurantismo” e a “falta total de transparencia” nun concello no que tal é como manifestan “é a habitual forma de traballar do PP” . “Non entendemos que criterios segue o señor Cardoso para decidir que fai falta unha dedicación exclusiva para unha das súas concelleiras cando hai ata 6 postos vacantes de traballadores municipais sen cubrir”, critica o voceiro socialista Julio Prada, que fai fincapé “o concello vai a gastar os cartos de todos os veciños e veciñas de Vilardevós no soldo dunha concelleira en lugar de contratar un técnico para cubrir as vacantes”.

O voceiro socialista apunta que “é moi grave” que a prioridade do rexedor de Vilardevós “sexa aprobar unha dedicación exclusiva sen competencias ou áreas designadas para a súa concelleira” e afirma que “é triste que o traballo dos técnicos non lle importe nada, cando é vital para o desenvolvemento diario dun concello”.

As seis prazas sen cubrir actualmente corresponden a de secretaria municipal, un administrativo do xulgado, un auxiliar administrativo, un oficial de segunda de servicios múltiples, un técnico laboral de emprego, unha educadora familiar. O PSdeG-PSOE de Vilardevós denuncia que estas vacantes “levan anos sen cubrir”, a pesar de que a partida orzamentaria para persoal “apróbase cada ano”, unha situación que segundo afirman se debe a que o grupo de goberno “emprega os gastos de persoal para arranxar estradas, a través dunha modificación de crédito, que é o que veñen facendo o longo dos últimos anos”.

Os socialistas aproveitaron o pleno para solicitarlle o alcalde, Manuel Cardoso que xustificara a súa decisión, xa que segundo denuncian “non hai especificacións de que tarefas e competencias vai a levar a cabo”. “Preguntámoslle que competencias delegaba na concelleira o alcalde, xa que ata o de agora o rexedor non ten ningunha competencia delegada en ningún concelleiro”, explica a concelleira Marina Lovelace, que tamén apunta que a resposta foi que “as que sexan necesarias”, algo que considera “inadmisible” pois afirma que un alcalde “debe aclararlle a oposición e a veciñanza a toma de decisións”.

A concelleira tamén explicou que o grupo municipal socialista aproveitou tamén para preguntar que tarefas vai a levar a cabo a concelleira coa nova dedicación exclusiva e outra vez o alcalde “escapou do debate dicindo que todas as que precisen”, explica Lovelace, que tamén subliña que “a falta de transparencia é un habitual nos plenos do Concello”.