O Psdeg-Psoe de Maceda esíxelle ao equipo de goberno explicacións pola xestión durante a crise da covid-19, xa que consideran que non están sendo transparentes

Os socialistas consideran totalmente “irresponsables” as actuacións do alcalde que namentres pide sentidiño á veciñanza, organiza supostas festas privadas que exceden os aforos impostos

O voceiro do PSdeG, Xabier Oviedo, denuncia a “falta de transparencia” en materia económica e que o alcalde aproveitou a pandemia para “promocionarse politicamente”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Maceda esixiralle no vindeiro pleno municipal, explicacións pola xestión que o equipo de goberno municipal, conformado polo Partido Popular e Espazo Común, están levando a cabo durante a crise orixinada pola pandemia da COVID-19, dende que esta comezara o pasado mes de marzo. Os socialistas entenden que o alcalde e o grupo de goberno “non están a ser transparentes” co custo económico que supuxo para o concello esta época. “tan atípica” na que a veciñanza pasa por situacións de restricións e moito “sacrificio e dor”.

O Grupo Municipal Socialista aproveitará o pleno para preguntar, e valorar de “ser certas”, as “irresponsables” actuacións do propio rexedor de Maceda nas últimas semanas. “Namentres lle pide os veciños e veciñas sentidiño en video discursos de claro corte populista e electoralista, pásase os seus consellos por alto, organizando supostas festas privadas”, denuncia o voceiro socialista Xabier Oviedo, que tamén apunta que “estas supostas xuntanzas exceden con moito o aforo e as medidas impostas polas autoridades sanitarias da Xunta de Galicia e o Goberno do Estado”.

Os socialistas lembran aos veciños e ás veciñas que no seu día xa advertiron ó alcalde e membros da corporación que “non nos parecía xeito de actuar ante a pandemia”. Remarcan que “están de acordo” coas medidas de limpeza que se están levando a cabo, pero critican que “se alardee das medidas tomadas co único fin de cobrar protagonismo por un traballo que lle corresponde realizar ao Concello”, explica Oviedo que tamén subliña que “así nolo está trasladando a cidadanía que ve como o único no que pensa o alcalde é en promocionarse e tratar de sacar renda política”.

Por último os socialistas consideran “lamentable” que “mentres a cidadanía sofre a pandemia mais dura das últimas décadas, mentres a xente padece reducións laborais, ou mesmo problemas de saúde derivados do propio COVID, o alcalde teña como única preocupación promocionarse politicamente e divertirse”.