Nota de Espazo Común :”Fumega pretende impedir o traballo da oposición impoñendo un regulamento municipal propio dunha ditadura”

Con esta proposta, que ten intención de aprobar no vindeiro pleno, anulará a posibilidade de que moitas propostas, inquedanzas ou preguntas da veciñanza poidan ser trasladadas ao pleno.

Resulta vergoñento ver como tenta agachar a súa incapacidade poñendo en práctica políticas totalitaristas como ninguén se atreveu a facer antes no Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pedimoslle que se lle queda un mínimo de decencia democrática, retire esta cacicada e non a leve nin á comisión informativa de mañá mércores.

Para calquer cidadán do Carballiño que siga as sesións plenarias resulta evidente que, unha tras outra, o goberno local ofrece unha imaxe lamentable. Retirada de puntos, rectificacións constantes, evasivas á hora de respostar ás preguntas e mesmo moitas mentiras que en pouco tempo quedan desveladas.

Resulta agora obvio que un reflexo tan público do desastrosa capacidade de xestión que amosan no día a día, resulta para os concelleiros socialistas altamente “incómodo”.

Atendendo a que quen padece as consecuencias deste pésimo funcionamento resulta ser, en derradeira instancia, a veciñanza do Carballiño, semellaría lóxico pensar que a intención fose facer propósito de enmenda e esforzarse por corrixir erros.

Pero, por suposto, para Fumega e o seu equipo non é así. Para eles, a mellor opción é a de sempre. Manipular, esconder e enredar.

Así pois, temos enriba da mesa unha proposta que pretenden aprobar no pleno a celebrar o vindeiro luns onde o que procuran é anular, case por completo, as posibilidades de proposición e fiscalización da oposición.

Para acadar este obxectivo ven de inventarse un regulamento orgánico municipal que pretende, por exemplo, converter as sesión plenarias en paseos militares do xeneral Fumega.

Limitar as mocións por grupo a unha soa; limitar as intervencións a cinco e dous minutos por tema; limitar o acceso á información aludindo á Lei de Protección de Datos constantemente pero ignorando completamente a Lei de Transparencia… Estas e moitas outras medidas de moi dúbidosa legalidade e dunha repulsiva inmoralidade, conforman os mandamentos cos que o alcalde pretende converterse en xuíz e parte, dándose a sí mesmo un poder propio da Gestapo.

De levar a termo esta aberración que se pode definir sen ambaxes coma unha violación da democracia, Fumega cruzará unha liña que ningún dos alcaldes que tiveron maioría absoluta antes ca el no goberno do Carballiño (Argimiro Marnotes pai e fillo, Carlos Montes, Pachi Vázquez) non ousaron nin prantexar.

Dende o Grupo Municipal de Espazo Común pediremoslle que retire esta inmensa cacicada da orde do día da comisión de mañá mercores e que desista de levala a pleno tal como está deseñada.