A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón

———————————————————————————————————-

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Artigo : “A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato] ”

“A desesperación ía en aumento. O tempo detívose nunha espera sempiterna. As horas pasaban tan engorde que pesaban máis có chumbo”.  (Cándido Paniagua Pousa, 48 horas).

A señora Clotilde de Penapouca, unha viúva entrada en anos, perceptora da pensión mínima complementada cunha saúde de ferro, nunca lle tivo medo á xeada nin ás outras intemperies da vida, mercé a esa pel de coio que sempre lle envolveu o ser. Mais, agora xa non é a que era; leva varios días tremelicando, medio derrubada e a piques de mandar todo ao nabizo, porque unha nova especie de  abesouros non para de zunirlle no ouvido as vinte e catro horas do día.

Dende que ficou viúva, hai cousa de dez anos, nunca deixou de facer o mesmo que facía antes de morrer Paco: acomodar tres pitas, espulgar dous cadelos, o Morito e o León, e azacotar catro marráns, un para o gasto da casa, outro para os de Vigo e un par deles para dous señores da capital que aparecen en Penapouca tódolos anos na véspera de Reis, saúdan, pagan e levan cadanseu marrán despezado e afumado.

Unha das dúas fillas que tivo o matrimonio desapareceu un día da casa e non se soubo máis dela. A outra, Carme, vive en Vigo co marido e tres rapaces. Acostumaban vir cada fin de semana para botarlle unha man á nai e, de paso, apañar algo de compango. Minucias!, unha ducia de ovos, unha presa de verzas e, mentres duraban, os chourizos e a carne do porco que lle pertencía. No que vai de ano levan tempo sen aparecer pola aldea e non teñen traza de facelo.

A cousa pinta mal, moi mal! Dende hai cousa dunha semana á señora Clotilte véselle moi nerviosa; non deixa de saír e entrar na casa, camiña dun lado cara a outro, nótaselle incómoda e ansiosa, talvez algo adoecida, e non fai máis ca falar soa queixándose das maluras que se lle aveciñan: bótaselle enriba a hora da matanza dos catro marráns e descoñece se virán os de Vigo ou se contará coa axuda das veciñas, como de costume. Con isto da covid-19 non sabe a que aterse, sobre todo no tocante ao número de conviventes e non conviventes, de achegados e desachegados, de semoventes e papaleisóns que han participar nas faenas nin cantos poderán comer xuntos, tanto o día de sangrar os porcos como o da desfeita ou o de encher os chourizos. Fártase de preguntarlle a uns e outros, escoita o parte na radio e na televisión, vai ao concello, chama á Xunta e en ningures atopa unha resposta concreta. Todos falan por non estar calados, mais saber do asunto, o que se di saber, ninguén sabe nada. E xa non digamos, se inclúe os rapaces na pregunta. Aí non trapelean, simplemente desvarían.

[O meu tío Lisardo non sae do seu asombro, ao ver como os Sánchez, os Illa, os Feijoo e outros polo estilo gastan horas e horas embobándonos co debate de cantos poderán participar na cea da Noiteboa, deixando de lado as cousas importantes, como é o caso da matanza dos porcos da señora Clotilde. Hai que ghoderse con esta tropa do nabo! ]

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “