O Psdeg-Psoe denuncia que a Xunta “atrincheira” o centro de saúde da Ponte erguendo un muro de bloques de dous metros de altura para insonorizar o edificio ante a proximidade da intermodal

Os socialistas denuncian unha nova “chapuza” da Consellaría de Infraestruturas, tralo levantamento dun muro de bloques no canto da barreira vexetal contemplada orixinalmente no proxecto

Aféanlle a Ethel Vázquez que primeiro “afume” e logo “encerre” á veciñanza, e pregúntanse “onde queda a famosa fonte de 50.000 euros” proxectada para “adornar” a entrada do edificio

AVANTAR ACTIVIDADES

 Os socialistas ourensáns denuncian unha nova “chapuza” da Consellaría de Infraestruturas a respecto das obras da nova intermodal, tras constatar o levantamento dun muro de bloques de aproximadamente dous metros de altura arredor do centro de saúde da Ponte que “atrincheira” o edificio no canto de insonorizalo como se comprometera a Xunta.

Neste sentido, a vicevoceira do grupo, Natalia González, sinala que o proxecto orixinal non contemplaba un muro, senón unha barreira vexetal, ao tempo que pon de manifesto as súas sospeitas sobre a finalidade da estrutura. “Sospeitamos que ese muro se levanta coa intención de insonorizar o centro de saúde”, co consecuente “impacto visual” e “desatención” aos compromisos adquiridos por Ethel Vázquez de cara a insonorizar interiormente o edificio, sinala a concelleira.

Ademais, a socialista pregúntase “onde queda a famosa fonte de 50.000 euros” proxectada para “adornar” a entrada do edificio coa pretensión propagandística de facer unha analoxía cun símbolo milenario como son as Burgas. A este respecto, González considera que “nada ten que ver este muro co que supostamente estaba proxectado” e pide “explicacións inmediatas” ao respecto.

O PSdeG-PSOE recorda que leva manifestado en reiteradas ocasións o seu desacordo coa “imposición dunha estación de autobuses prexudicial para Ourense”, que ademais de obrigar aos veciños e veciñas a “agardar á intemperie” polo “derribo exprés” da antiga estación, sitúa un edificio polo que circularán uns 300 autobuses ao día ao carón dun centro de saúde. Neste sentido, os socialistas aféanlle a Ethel Vázquez que primeiro “afume” e logo “encerre” á veciñanza, e solicitan “medidas urxentes” para dar solución ás “consecutivas chapuzas vergoñentas” do goberno de Feijóo coa terceira cidade de Galicia.