O concello de Ribadavia presenta unha programación de Nadal chea de actividades para toda a familia

Entre as actividades atópanse exposicións, cine, teatro, panxoliñas e concursos, ademais da escola “Tempo de Nadal” que permitirá ás familias de Ribadavia conciliar a vida laboral e familiar.

O Concello de Ribadavia presenta unha programación de nadal chea de actividades para desfrutar en familia e cumprindo con todas as esixencias sanitarias en materia de loita contra o COVID-19. Entre as actividades atópanse exposicións, cine, teatro, panxoliñas e concursos, ademais da escola “Tempo de Nadal” que permitirá ás familias de Ribadavia conciliar a vida laboral e familiar.

AVANTAR ACTIVIDADES

No que ten que ver coas exposicións, poderá desfrutarse da exposición “Fillos do Oceano”, en colaboración con Abanca, na casa da cultura ata o 7 de xaneiro, e tamén se poderán visitar as exposicións fotográficas “A Rapa das Bestas” e “Máscaras Africanas” de Javier Ortiz e a exposición de papiroflexia de Luis Jimenez González, todas elas na madalena ata o 7 de xaneiro.

No ámbito do cine levarase a cabo a proxección de catro filmes en colaboración co Museo Etnolóxico de Ribadavia (“Estruturas. Pel contra pel”, “El bosque Animado”, “O Apóstolo” e “O que Arde”) e tamén haberá unha sesión de autocine o día 2 de xaneiro ás 18:30 no campo de fútbol de San Cristovo na que se proxectará “El Origen de los Guardianes 2”. Ademais tamén haberá unha representación teatral o día 5 de xaneiro na casa da cukltura a cargo de Tarabelos Teatro, que representarán “Sabela e o Paxaro máxico.”

Por último entre as actividades tamén haberá Panxoliñas polas parroquias o día 26 de xaneiro a cargo dos “Serandeiros”, concursos de decoración de nadal, de postais e de decoración de árbores, ademais das videochamadas de Papa Noel e os Reis Magos ás crianzas do concello.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, afirmou que “elaboramos unha programación de nadal fundamentada na participación cidadá colaborando con colectivos como Establecementos Asociados e institucións coma o Museo Etnolóxico para poñer a disposición da veciñanza un Nadal activo ne diferente no que poidan participar e desfrutar da cultura en familia. Todo elo cumprindo coa normativa sanitaria relativa ao COVID-19”