O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén clausura o Obradoido de emprego ‘Ribeiro 3.0’ en Beade

  • Gabriel Alén anunciou a inmediata posta en marcha dunha nova edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade
  • O delegado territorial subliñou que “desde a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Ribeiro 3.0 na Mancomunidade de Concellos do Ribeiro e anunciou o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado polos alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; de Beade, Senén Pousa; de Cenlle, José Manuel Rodríguez; de Cortegada, Avelino de Francisco, e de Leiro, Francisco José Fernández, agradeceu ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e nas operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para incorporarse con forza ao mercado de traballo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A posta en marcha destas iniciativas ven a demostrar a importancia da colaboración institucional entre administracións, que permite poñer en marcha importantes proxectos que loitan contra o desemprego. Así, o delegado territorial subliñou que “desde a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”; e subliñou que os esforzos continuados da Xunta nesta área e ademais deixou claro que a creación de emprego sitúase, no actual contexto da pandemia, no podio de prioridades xunto coa Sanidade e a Educación: “Estamos a redobrar os esforzos en formación e na inserción laboral especialmente nestes momentos tan complicados pola crise sanitaria, xa que temos como obxectivo principal o impulso, canto antes, da reactivación”.

Gabriel Alén presidiu o acto de entrega aos 20 alumnos do obradoiro Ribeiro 3.0 no que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu preto de 485.000 euros. Promovido pola Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, neste proxecto participaron os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro; desenvolvendo actuacións de mellora e sinalización da área recreativa da Vila Termal en Arnoia; de acondicionamento do espazo da fonte pública en Beade; de acondicionamento da Praza de A Pena e reposición de cuberta de lavadoiro en Cuñas, Cenlle; obras de rehabilitación da fonte-lavadoiro en A Torre, Cortegada; e acondicionamento da entrada e instalación dunha nova cuberta nos vestiarios do campo de fútbol de San Bartolomé en Leiro.