A D.O. Ribeiro entregou a novena edición dos seus premios nunha gala con formato híbrido

A Denominación de Orixe Ribeiro quixo celebrar a chegada do Nadal na novena edición dos seus Premios, reunindo de forma presencial e online a autoridades, xornalistas, adegueiros, viticultores e representantes de todos os estamentos implicados na cultura do viño.

Na súa intervención, o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares Gándara, quixo destacar que “nestes días tan especiais que se achegan debemos ser ‘máis galegos que nunca’ mercando produtos da nosa terra e no noso comercio como forma de que todo o valor engadido fique aquí. Por elo neste Nadal en ningunha mesa galega debe faltar unha botella de viño da D.O. Ribeiro”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A gala serviu para coñecer os gañadores da Cata Oficial, designados a cegas por un panel de expertos de entre os 50 viños participantes, dun total de 32 adegas.

Pazo do Mar Expresión 2019, de Adegas Pazo do Mar, é o “Mellor viño branco de adega”.

O galardón ao “Mellor viño branco de colleiteiro” recaeu en Cuñas Davia 2019, de Adegas Valdavia.

O “Mellor viño tinto de adega” foi para O Cotarelo 2019, de Benigno Ríos Mosquera.

E, o “Mellor viño tinto de colleiteiro” é Canción de Elisa 2019, de Adega Dona Elisa.

O acto, no que se seguiron os debidos protocolos de precaución, tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago.

Pero non foron estes os únicos galardóns que se entregaron. Luís L. Paadín, profesor e catador, foi nomeado “Persoeiro de Honra” da Denominación de Orixe Ribeiro e Alfonso Albor Rodríguez, da adega Pazos de Albor, recolleu o “Vida entre Vides”.

Tamén foi protagonista Esther Daporta que recibiu o “Muller e Viño”, na mesma semana na que o restaurante Yayo Daporta de Cambados revalidou a súa Estrella Michelin.

O xornalista Francisco J. Gil, do programa Cousas de Comer, foi recoñecido no apartado de “Mellor Labor de Comunicación”.

E, nas categorías reservadas aos profesionais da hostalaría e da venda aos particulares, o “Mellor servizo de viño en restaurante”, foi para Los Abetos, de Nigrán; o “Mellor tenda de viños-viñoteca”, para Valladares en Santiago; e o “Mellor bar de viños-taberna” a Derby, en Vilagarcía.

A gala contou coa presenza do Vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda; do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro do Medio Rural, José González; do concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; e da directora de Turismo, Nava Castro; así como dunha ampla representación institucional dos concellos pertencentes á D.O. Ribeiro.