O BNG propón a coordinación das feiras en oito concellos da Baixa Limia e da comarca de Celanova

  • O parlamentario Iago Tabarés e o deputado provincial Bernardo Varela presentan en Celanova un itinerario para coordinar a celebración dos eventos e unificar normativas, taxas e horarios.
  • O BNG levará este venres ao pleno da Deputación unha iniciativa para que o organismo provincial elabore unha guía de produtores locais de cada concello.

O BNG levará aos distintos concellos, produtores e feirantes das comarcas da Baixa Limia e Celanova unha proposta para unificar a normativa, as taxas e os horarios das feiras libres que se celebran en oito concellos (A Merca, Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Lobios, Muíños e Ramirás) e avanzar na creación dun calendario mensual e anual coas feiras libres en marcha (15 nos oito concellos) que mesmo dea cabida a novos eventos.

Ademais dunha normativa que permitise introducir bonificacións para feirantes e produtores por participar do itinerario, as nacionalistas apostan por integrar a comunicación na xestión para mellorar a percepción social, a información e a difusión das feiras.

AVANTAR ACTIVIDADES

A iniciativa presentouse este xoves en Celanova, no marco da campaña que o BNG está a desenvolver a nivel nacional en apoio do comercio local, coa presencia de Iago Tabarés, deputado no Parlamento galego, e Bernardo Varela, deputado provincial, que estiveron acompañados pola responsábel local do BNG na Merca, Noelia Currás, e o concelleiro nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez, entre outros.

“Estamos traballando para defender o comercio local como algo chave, vital, para a nosa economía”, explicou Iago Tabarés. “E con esta proposta de itinerario para as feiras da Baixa Limia e as Terras de Celanova poñemos sobre a mesa unha coordinación que inclúa servizo de transporte entre as vilas, ferramentas de formación e incentivos ao asociacionismo dos feirantes e produtores e mellora da seguridade destes mercados”.

O BNG presentará mocións con esta iniciativa nos concellos nos que ten representación e difundirá a proposta en todas as localidades.

GUÍA DE PRODUTORES LOCAIS e IMPOSTO ÁS GRANDES SUPERFICIES

Tamén en Celanova, Bernardo Varela presentou a moción que o BNG defenderá mañá no pleno da Deputación Provincial de Ourense. “É preciso que desde a Deputación se elabore unha guía, non só de comerciantes, senón tamén dos produtores que poden facer venda directa, como gandeiros, agricultores e artesáns. Iso permitirá, ademais da interlocución con eles, aproximar á veciñanza cos produtores e os seus produtos. Fomentar o consumo de produto local en mercados de proximidade garante xerar tecido produtivo”, explicou Varela antes de detallar a iniciativa.

Ademais de pedir que a Deputación elabore un censo de produtores locais en cada un dos concellos da provincia e que lle dea a difusión precisa entre a veciñanza e comerciantes locais, o BNG pedirá que se inste á Xunta de Galiza a crear axudas directas e incrementar as existentes para o comercio de proximidade.

A moción nacionalistas inclúe tamén un acordo para desincentivar a instalación das grandes superficies na Galiza por medio novo imposto ás grandes superficies, “como o que se dá noutras zonas do Estado, por exemplo Asturias”, indicou Varela e cuxa recadación se destine a axudar ao comercio de proximidade e pequenos produtores locais.