O delegado territorial da Xunta en Ourense clausura o obradoido de emprego ‘Calderetas da gastronomía dos abades ata os nosos días’ en Celanova

O delegado territorial sinalou que con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo

Gabriel Alén destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial aproveitou este acto de clausura para anunciar que a Xunta de Galicia aprobou na recente convocatoria de obradoiros a concesión dun novo proxecto, ‘O Refectorio’, na que a Consellería de Emprego e Igualdade investirá case 347.000 euros, e participarán os concellos de Celanova, Bande e Verea

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego Calderetas da gastronomía dos abades ata os nosos días no concello de Celanova, co acto de entrega de diplomas aos 20 alumnos que participaron no proxecto, no que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu máis de 465.000 euros.

O delegado territorial destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Gabriel Alén subliñou que estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta, anunciou que a Xunta de Galicia aprobou na recente convocatoria de obradoiros a concesión dun novo proxecto, O Refectorio, na que a Consellería de Emprego e Igualdade investirá case 347.000 euros, e participarán os concellos de Celanova, Bande e Verea.

Promovido polo concello de Celanova, no obradoiro de emprego Calderetas da gastronomía dos abades ata os nosos días participaron 20 alumnos desenvolveron, en dous módulos complementarios, actividades teórico – prácticas en dirección e produción de cociña e dirección en restauración; abordando temáticas como o tratamento de xéneros culinarios, o deseño e comercialización de ofertas de restauración e o inglés profesional para servizos de restauración.

No acto de clausura, acompañado do alcalde de Celanova, Antonio Puga, o delegado territorial concluíu que, “todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo”, e polo tanto, a Xunta seguirá apostando polos obradoiros “como ferramenta para promover a inserción laboral”.