Filosofía Médica (I) : Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ”  Filosofía Médica (I): Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia ”

Dedicado a todos os meus amigos e amigas médicos, pois son fieis exemplos desta praxe profesional

A situación social, económica e política, pero en especial a sanitaria, pola que transitamos durante este 2020, vainos deixando sen pulso e sen ilusión ao ter que nos enfrontar a novos problemas e necesidades nun marco de expectativas onde irrompen vellos medos e tremendas nostalxias. A fin de saír deste labirinto, apelamos á medicina para atopar nela a táboa de salvación, e xa non só para levantar a nosa autoestima, senón para intentar sobrevivir. Sobre a medicina facemos descansar o peso dunha insoportable responsabilidade, singularmente en épocas de pandemias, de grandes sinistros e diante de espectaculares catástrofes. A medicina e os médicos son na actualidade a esperanza e o refuxio do noso pánico.

            Reflexionar sobre a medicina representa un debate pedagóxico interesante, tanto pola zozobra na que agora mesmo vivimos instalados, como pola epistemoloxía que sitúa a esta disciplina no lugar que lle corresponde. Sexa esta unha pequena homenaxe á medicina e, especialmente, aos médicos que na súa praxe cotiá dan testemuña da súa capacidade de sacrificio, incluso pondo en risco a súa vida, para liberar vidas humanas secuestradas polo coronavirus.

Medicina e filosofía

A simple vista puidese sorprender que se intente relacionar estas dúas disciplinas que parecen absolutamente inconexas. Así o considera tamén Mario Bunge no seu libro Filosofía para médicos: “a primera vista, la medicina es ajena a la filosofía, ya que la primera procura sanar, o al menos aliviar, mientras los filósofos analizan y sistematizan ideas muy generales, como las de realidad, conocimiento y bien… No obstante, la medicina siempre ha estado saturada de filosofía”.

Quizais esa relación a poidamos atopar buscando confluencias entre ambas, abordando temas científicos comúns ou mesmo procurando solucionar problemas concretos sobre enfermidades somáticas e psíquicas. Polo tanto, a pregunta sería: onde radica a relación entre estas dúas disciplinas? A resposta provén de Mario Bunge:

“El buen médico, a diferencia del curandero, pone en práctica diariamente, en general sin saberlo, todo un sistema filosófico constituido por una ontología materialista, aunque no fisicista, y sistémica, aunque no holista. Una gnoseología realista, escéptica y cientificista. Una praxiología científica y una ética humanista. Lo dicho se refiere a la filosofía tácita del buen médico. La que practica, no necesariamente la que dice profesar” (Mario Bunge: Filosofía para médicos). En cada intervención, o médico actúa á vez como metafísico, epistemólogo, escéptico, lóxico, ético… “La investigación biomédica exige filosofía, y el ejercicio de la medicina se vuelve rutina tediosa sin una perspectiva filosófica” (Bunge).

                Comprobamos así que o médico está actuando como filósofo, aínda que non se decate de que o fai. Xa dixera Aristóteles ao comezo da súa Metafísica que “todo ser humano (antropos) é filósofo por natureza”, polo que tamén están incluídos os médicos, pero neste caso concreto os médicos evidencian esa peculiaridade.

            O gran filósofo alemán Hans-Georg Gadamer (1900-2002), no seu libro O estado oculto da saúde, subliña aspectos de ética, historia e teoría da ciencia directamente relacionados coa praxe médica cotiá. Analiza que se entende por intelixencia e tamén por arte e técnica de curar. Gadamer insiste na idea de humanizar o máis posible o coidado da saúde, confesando que “en todos os casos trátase de establecer un equilibrio entre a posibilidade de actuar e a responsabilidade fronte á vontade e á acción”. Destaca Gadamer o extraordinario valor dos coñecementos científicos dos médicos, aínda que está claro que a capacidade de xuízo e discernimento é fundamental na profesión médica. Escribe: “o diagnóstico equivocado, ou a correlación errónea, non se atribúe en xeral á ciencia, senón á arte, e en última instancia á capacidade de xuízo do médico”. Gadamer sitúa, sutilmente, a responsabilidade do médico no seu proceder como filósofo, é dicir, na dedución ou razoamento que realiza ao distinguir entre o que o paciente goza ou sofre obxectivamente (saúde ou enfermidade), o que o paciente sente ou di que sente (síntomas) e os diagnósticos do médico (fundamentados en signos ou marcadores obxectivos).

            Pero onde con máis evidencia se ve esa relación da medicina coa filosofía e na ética. Os médicos, no seu proceder profesional, están sometidos a normas non só legais, senón tamén a pautas de carácter ético, cuxos fundamentos están situados no Xuramento Hipocrático. Así o decreta o propio Hipócrates: “o médico deberá axudar ou, alomenos, non danar” (Tratados hipocráticos. Epidemias). A ética médica foi evolucionando co paso do tempo e o seu cambio resultou radical a partir de comezos do século XX. Os avances científicos tan extraordinarios, os sensacionais progresos tecnolóxicos, as transformacións sociais inmensamente profundas, o incremento dos ensaios clínicos, a aparición de novas enfermidades ou a implicación dos gobernos no ámbito sanitario esixen novas responsabilidades e unha mellor formación do sector encargado da saúde dos cidadáns.

            A ética forma parte da filosofía, e como tal argumenta e explica a conduta humana con criterios universais; pero no momento de aplicala a persoas concretas, socialmente instaladas en culturas singulares e con tradicións propias, a ética transfórmase en moral. Non obstante, ningunha moral pode exiliarse da responsabilidade imperativa que impón a ética, da que obviamente depende: facer o ben e evitar o mal. No marco de cada moral xermolan valores e nacen responsabilidades, a nivel persoal e a nivel social. Aparecen así criterios especiais para valorar condutas persoais en diferentes roles sociais. É o caso da deontoloxía, esa obriga de cumprir co deber profesional; ou o contractualismo persoal, o pacto entre persoas.

            O filósofo MacIntyre (1929) subliña a importancia do ben moral cando este se define con relación a un grupo de persoas que participan nunha determinada práctica, como é o caso da medicina. Na súa prestixiosa obra After Virtue (Despois da virtude), o concepto do ben moral constitúe o seu eixo central, ao que denomina bens internos ou bens de excelencia, en vez de centrarse en condutas independentes dunha determinada práctica como puidese ser a obriga dun médico (propio da ética deontolóxica) ou as consecuencias dun acto particular. Desde esa perspectiva moral, MacIntyre inclúe a profesión médica na órbita da filosofía moral.

            Neste mesmo contexto, ao médico esíxelle practicar unha moral deontolóxica na que os valores humanos (empatía, capacidade intelectual, solidariedade, veracidade, compromiso…) lle obrigan a mergullarse nunha ética humanista. E se ben é certo que esta ética compele a todos os médicos, aos que máis presiona é aos médicos clínicos. Lembremos que a palabra “clínica” está documentada xa en Plinio, quen a utilizou para referirse a prácticas médicas con pacientes encamados. A palabra “kline” deriva do verbo grego κλίνειν (klinein), que significa inclinarse ou deitarse. O clínico é, xa que logo, o médico que atende ao paciente deitado, é dicir, que o ten ao seu lado. Esta palabra sería utilizada posteriormente por Galeno. Pero non todos os médicos son clínicos, é dicir, que atendan directamente en consulta aos pacientes. Os radiólogos, os analistas e os que traballan en laboratorios tamén son médicos, pero non son clínicos porque non examinan directamente aos pacientes. En todo caso, tamén estes están sometidos ás mesmas normas e regras. A misión do médico, no rol que desempeñe, consiste en lograr o ben e a felicidade do ser humano a través da súa praxe curativa. Ese obxectivo é común coa filosofía.

            Todo médico debe practicar a empatía co paciente. Pero practicar a empatía non significa sufrir o mesmo que o enfermo, senón que a empatía consiste en ser testemuña da situación pola que pasa o paciente. A empatía non significa que o médico debe tratar ao paciente como amigo, pero tampouco significa que debe ir asustándoo. O médico ten que saber que é médico de enfermos, non de clientes, e que, independentemente da súa ideoloxía, das súas crenzas e da súa etnia, o enfermo necesita un médico. Polo tanto, os médicos deben decatarse de que o paciente é o que dá sentido ao seu quefacer. Un médico que non é humano, é un mal médico.

Categoría epistemolóxica da medicina

Analizada a relación da medicina coa filosofía, resta explicar a que categoría epistemolóxica corresponde a medicina. Á ciencia? Á tecnoloxía? Á arte? Quizais a todas estas? Recuperamos a Mario Bunge, dada a súa indiscutible autoridade no ámbito da epistemoloxía, para esclarecer estes dilemas:  

“Desde hace un par de siglos se debate la cuestión de la condición de la medicina: ¿ciencia a secas o aplicada, tecnología, artesanía o servicio? Esta cuestión se viene debatiendo vigorosamente, aunque con poco rigor, desde que Hipócrates afirmó que el medico es un “artesano reconocido” con conocimientos de ciencia natural” (Medicina para médicos).

Estas palabras revelan que, para Bunge, a medicina posúe coñecementos científicos, pero non é ciencia, porque a ciencia utiliza o método científico. Con todo, existen moitas clases de ciencia: ciencias básicas, ciencias aplicadas, ciencias sociais, ciencias formais… As ciencias fortes, ou ciencias básicas, son as que investigan problemas relacionados co coñecemento e utilizan o método científico. Tamén se denominan empíricas, como a física, a química, a bioloxía… As ciencias aplicadas procuran obter coñecementos de uso práctico, como a farmacoloxía, a arquitectura, a arqueoloxía, a enxeñería… As ciencias sociais son as que traballan con coñecementos relacionados coa sociedade e coa conduta humana, tales como a antropoloxía, a psicoloxía, a xeografía, o dereito… As ciencias formais son disciplinas que se relacionan con sistemas lóxicos e conxuntos sistemáticos de coñecementos racionais, como a lóxica, as matemáticas…

A parte das ciencias están as tecnoloxías biomédicas (deseños de fármacos, terapias con próteses, procedementos cirúrxicos), as artesanías médicas (anestesia, enfermería, obstetricia), as técnicas sociais (administración hospitalaria, epidemioloxía normativa), humanidades médicas (ética médica, medicina forense).

É a medicina algunha destas ciencias, tecnoloxías, artesanías ou técnicas?

Non se pode considerar a medicina como ciencia no senso básico, no que consideramos a física, a química ou a bioloxía, porque a medicina non pretende investigar, como o fai cada unha destas, problemas relacionados co coñecemento utilizando o método científico. Presupón, obviamente, esas ciencias básicas utilizando algunhas das súas verdades para deseñar e avaliar as súas intervencións. Tamén inclúe e utiliza a tecnoloxía como ciencia aplicada na súa praxe cotiá. É, pois, a medicina nese senso ciencia e arte. Bunge defínea como “artesanía de alto fuste”. O seu obxecto e a súa finalidade non é o coñecemento en si, senón o padecemento das persoas. Nese sentido, a medicina está equidistante da filosofía e da ciencia, aínda que non sexa nin filosofía nin ciencia. Pero fai uso delas.

Bunge deixa moi claro cal debe ser o propósito do traballo médico, así como a complexa diversidade dos dous fenómenos básicos dos que se ocupa: a saúde e a enfermidade. Como a persoa ocupa diversos niveis no mundo, desde o molecular ao social, o médico debe ocuparse de todos eses aspectos. Recoñecer esta complexidade é unha actitude científica. É Bunge alerta ao médico profesional acerca do perigo do reducionismo en calquera das súas formas, saúde ou enfermidade, por iso nos ofrece unha perspectiva sistémica onde a saúde e a enfermidade son consideradas como propiedades emerxentes cuxas características non se poden reducir ás dos seus compoñentes. Ningunha explicación biolóxica, por minuciosa que sexa, pode dar conta das complexidades do fenómeno da enfermidade. Os determinantes sociais configuran tanto os seus modos de presentación como a súa incidencia, a súa prevalencia e as posibilidades reais de acceder á asistencia ou de soster un tratamento adecuado. A estrutura deses múltiples niveis de todo ser humano debe pornos en alerta de que as explicacións válidas nun nivel poden non ser apropiadas noutro, mesmo poden resultar contraditorias entre si. Articulalas en cada caso individual forma parte da auténtica tarefa do médico e do seu acerto.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.