O BNG pídelle a PP, PSOE e microgoberno, que deixen de escurrir o bulto e asuman as responsabilidades da nefasta xestión do proxecto da praza de abastos

IES CHAMOSO LAMAS

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense pídenlle ao resto de grupos que deixen de confundir e enganar e recoñezan os erros cometidos en todo o proceso

O proxecto de reforma da praza de abastos nº 1 de Ourense estivo envolto en polémica desde o primeiro momento por mor, fundamentalmente da falla de liderado e xestión de PP e PSOE en función de quen gobernara tanto no concello como no goberno do Estado.

HIPER MASIDE

Ante as informacións xurdidas nos últimos días a respeito da perda de aproximadamente 600.000€ da subvención, en teoría concedida no seu día polo Ministerio de Fomento e con cargo ao 1,5% cultural, o BNG quere manifestar a súa fonda preocupación polo feito en sí, pero tamén polo que agocha, é dicir, unha nefasta xestión deste proxecto en concreto e, como afirman os nacionalistas, de outros moitos nos que hai subvencións doutras administracións en xogo.

O BNG no Concello de Ourense pídelle a PP e a PSOE que asuman as súas responsabilidades xa que foron os partidos encargados de xestionar o proxecto de reforma da praza de abastos. Un proxecto vital para o futuro económico e social da cidade e cuio financiamento correría en principio, e na súa maior porcentaxe, a cargo do Goberno do Estado.

Para os nacionalistas, o que se pon de manifesto coa perda dos 600.000€ e que por desgraza non serán os únicos, é que a xestión que se fai desde o concello deste tipo de proxectos non é a máis axeitada pois son moitas as ocasións nas que se teñen perdido subvencións por mor de non cumprir cos prazos establecidos, feito que obriga ao  concello a  ter que asumir con fondos propios proxectos e programas subvencionábeis por outras administracións. Un exemplo disto é o recoñecemento extraxudicial de créditos que irá a pleno o vindeiro 29 de decembro.

No caso concreto do proxecto de reforma da praza de abastos, segundo denuncian desde o BNG, estamos ante unha nova tomadura de pelo por parte do Ministerio, quen unha vez adxudicada a obra, contrinxe ao máximo os prazos, sen deixar marxe de manobra ao concello e sen ter en conta continxencias tales como a pandemia provocada pola COVID-19 ou a presenza dos denominados “okupas” durante algún tempo en parte das instalacións.

Os nacionalistas, lembran que desde o inicio do mandato, amosaron as súas dúbidas ao respeito da prórroga da subvención ao non existir documento algún asinado polo ministro, tal e como é preceptivo. En todo este tempo, tanto o PP como o PSOE afirmaron en reiteradas ocasións e co único aval dunha serie de cartas sen sinatura remitidas polo ministerio, que a prórroga estaba concedida e que os cartos non se perderían, chegando mesmo a gabarse a sí mesmos cada un deles de ser os artífices de dita prórroga.

Pois ben, o que nos atopamos agora é coa negativa do Ministerio a conceder a ampliación dos prazos na execución da obra, o que obrigará ao concello a asumir, desta volta,  os 600.000€.

Pero para o Grupo Municipal do BNG o que resulta realmente escandaloso é que de continuar esta situación, e de non chegar a acordo ambas administracións, finalmente terá que ser o Concello de Ourense con fondos propios quen sufrague o 100% da obra. Situación esta, que segundo os nacionalistas, debera avergoñar tanto ao alcalde, ao PP e ao PSOE.

É por todo isto, que o BNG no Concello de Ourense pídelle ao alcalde Pérez Jácome que actúe con responsabilidade e altura de miras. Que se poña en serio a traballar por sacar adiante os grandes proxectos que Ourense ten pendente e que defenda os intereses do concello ante o resto das administracións.

O proxecto de reforma da praza de abastos é máis necesario que nunca nestes tempos de crise económica e incertidume, mais, segundo o BNG, non podemos permitir que o Ministerio pretenda agora desentenderse do mesmo e non contribuir coas aportacións comprometidas nun principio.