Carmen Rodríguez Dacosta, Marina Ortega Otero, Juan Carlos Francisco Rivera, Luís Manuel Álvarez Martínez e Patricia Otero Rodríguez, deputadas e deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Pleno. A Xunta de Galicia anunciaba a principio deste ano 2020 que mudaba o plan inicial de O Vinteún polas mellores características da parcela de A Estación de Autobuses en O Pino, para a construción dunha residencia pública de maiores promovida pola Xunta de Galicia e financiada por Amancio Ortega, Estación de Autobuses que sería trasladada ao barrio da Ponte unha vez concluíran as obras da primeira fase da estación intermodal. A decisión segundo o manifestado pola Xunta de Galicia, foi adoptada de forma coordinada entre as consellerías de Infraestruturas e Política Social, modificando o plan inicial da Xunta de Galicia respecto o futuro centro de maiores da cidade, previsto na parcela situada no barrio de O Vinteún e cedida polo Concello de Ourense. Anunciando unha inversión prevista de 650.000 euros, cun obxectivo de deixar despexado o solar para o comezo das obras de construción da residencia. As obras de demolición comezaron o pasado luns 26 de outubro, comezando coa retirada do material do interior, demolición da terminal que se realizará á vez que a execución da nova intermodal no barrio da Ponte, instalando de forma provisional dúas marquesiñas para dar o servicio que aínda non é posible que estea localizado na nova estación de autobuses, cuxas obras se están a rematar ao lado da Estación Empalme. O Grupo Socialista xa advertira dos posibles problemas que se poden formular no futuro cos terreos, se non resolven a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense os problemas legais e lle outorga de todas as garantías legais , xa que no contrato de cesión dos terreos asinado en 1985, dispoñíase que os citados terreos só se podían destinar á Estación de Autobuses, e non para centros residenciais ou equipamentos dotacionais, polo que nos encontramos cunha problemática de carácter urbanístico na parcela na que se sitúa a actual Estación de Autobuses.
Ademais do antedito a Consellería de infraestruturas, anunciou a construción de unha fonte ornamental por importe de 48.000 euros na futura Estación de autobuses. En relación co anteriormente exposto, as deputadas e os deputados que asinan formulan a seguinte pregunta para o seu debate en Pleno: Cambiouse o uso dotacional da parcela onde está situada a Estación de Autobuses de O Pino en Ourense, para a execución da residencia de maiores promovida pola Xunta de Galicia e financiada por Amancio Ortega? Pazo do Parlamento, 4 de novembro do 2020 Asdo.: Carmen Rodríguez Dacosta Marina Ortega Otero Juan Carlos Francisco Rivera Luís Manuel Álvarez Martínez Patricia Otero Rodríguez Deputadas e deputados do G.P. dos Socialistas de Galicia