As Xuventudes Socialistas de Ourense presentan a campaña “ nós, as xeracións seguras”

As Xuventudes Socialistas de Ourense veñen de presentar a súa campaña “Nós, as xeracións seguras”, co obxectivo de fomentar un Nadal “libre de COVID” entre os máis novos. Como parte desta iniciativa, a mocidade socialista fixo un reparto de folletos informativos, máscaras e hidroxel entre a veciñanza de Ourense. O secretario xeral e coordinador provincial das Xuventudes Socialistas de Ourense, Xurxo Doval, lembrou a importancia de pedirlle á cidadanía “un último esforzo”, posto que “temos que compatibilizar salvar a sanidade coa celebración do Nadal”. Neste sentido, Doval fixo fincapé na importancia de non baixar a garda malia a chegada da vacina, e máis aínda cando esta se produce en plenas festas: “estamos ante un sprint cunha pendente moi acusada”, subliñou. Doval aproveitou a súa intervención para recoñecer o “enorme esforzo” que levan feito “todas as xeracións da cidade”, e de xeito especial a mocidade, ao tempo que lamentou que se “demonice” este colectivo cando é “o que ten o futuro máis difícil” por mor da pandemia, e defendeu que os máis novos están “moi concienciados” a respecto da pandemia.

Ademais, quixo facer un chamamento á veciñanza de Ourense para fomentar a compra de proximidade e tamén para “evitar” posibles contaxios rápidos mediante a modalidade de entrega a domicilio, de xeito que “o 2021 sexa o novo renacer da sociedade” e que os mozos e mozas poidan empezar a “construír o novo futuro da cidade”. Pola súa banda, a vicevoceira do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González, amosou o seu apoio á iniciativa, ao tempo que amosou a súa preocupación pola “falta de exemplaridade” de Jácome, que “en numerosas ocasións frivolizou coa pandemia”. Neste sentido, a socialista lembrou que todos os representantes públicos teñen que “remar no mesmo sentido” e censurou que o alcalde visitase esta semana un colexio público para repartir caramelos, “saltándose os protocolos sanitarios”. A deputada Uxía Tizón reivindicou a necesidade de estar “moi concienciados” posto que son “datas complexas”. Así, Tizón recalcou que cómpre evitar que “o virus sexa un convidado máis nas mesas de Nadal”, e para logralo pediu especial atención ás medidas sanitarias do goberno central. “Temos que tentar xuntarnos o menor número posible de persoas, evitar os acompañamentos masivos con distintos grupos que non sexan o grupo burbulla nos días previos ás celebracións e hai que ter unha ventilación axeitada dentro das casas”, citou. A deputada finalizou desexando que “un Nadal distinto sexa sinónimo de que o ano que vén vamos estar todos xuntos nestas datas” e fixo un último chamamento a un Nadal “responsable”.

AVANTAR ACTIVIDADES