Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que a Xunta teña aos viaxeirso “hacinados en dúas marquesiñas, ao frío e á choiva” no vial externo da estación para dar servizo de autobuses á terceira cidade de Galicia
A deputada ourensá Carmen Rodríguez Dacosta vén de denunciar como “inaudito” o “derribo express” da estación de autobuses de Ourense, localizada en O Pino, “antes de que remate a primeira fase das obras da nova terminal intermodal”, localizada no barrio da Ponte. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento nunha pregunta á conselleira de Infraestruturas.
Rodríguez Dacosta criticou que as obras de demolición da actual estación “comezasen o 26 de outubro”, o que supuxo o “caos”, xa que se pechou a instalación “meses antes” de que se conclúa a obra da nova estación de autobuses intermodal, fronte á proposta inicial da Xunta que asegurou “que sería trasladada ao barrio da Ponte, unha vez concluídas as obras da primeira fase da terminal”.
Así, subliñou, tal e como recollen informacións publicadas na prensa local, que o goberno galego “prohibiu” facer uso da planta superior do “vello edificio” e instalou, de forma provisional, “só dúas marquesiñas” no vial externo da estación, “onde se atopa o aparcadoiro de coches e a parada de taxis”, para dar servizo de autobuses á terceira cidade de Galicia.
Isto supón, lamentou, que tanto viaxeiros como choferes “estean hacinados, ao frío e á choiva” e “non poidan guarecerse mentres agardan polo autobús nin facer uso dos lavabos que están no interior do edificio”, co que teñen que empregar “unha latrina móbil de obra”. Rodríguez Dacosta asegurou que isto reflicte que “Feijóo despreza a Ourense”, por iso “mantén a Jácome no goberno”.
“SOLUCIÓNS URXENTES” PARA O CENTRO DE SAÚDE DA PONTE
Por último, a responsable socialista pediu ao goberno galego “solucións urxentes” para “o atrincheiramento que están a realizar no Centro de Saúde da Ponte”, localizado ao lado da futura estación intermodal. Rodríguez Dacosta lamentou que a Xunta construíu “un muro de dous metros feito con bloques de formigón”, en vez de “deseñar unha barreira vexetal na contorna”, tal e como detallaba o proxecto inicial.