Fabiola García sinala que a futura residencia de maiores de Ourense é un compromiso cos veciños que impulsará o barrio do Pino

A conselleira de Política Social compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para responder unha pregunta oral sobre este proxecto

  • Enmarcou esta infraestrutura na aposta da Xunta pola cidade das Burgas, na que se investirán o vindeiro ano 17 millóns de euros en obras de servizos sociais
  • Destinaranse 12 millóns de euros a este novo centro residencial, que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega e que porá á disposición das familias 120 prazas públicas para a atención dos seus maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a nova residencia pública de maiores, que a Xunta porá en marcha no barrio ourensán do Pino, supón unha oportunidade para impulsar esta zona cun servizo necesario e que responde ao compromiso asumido coas veciñas e veciños. Fíxoo nunha resposta a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia, na que resaltou a aposta do Goberno galego pola cidade de Ourense, posto que en 2021 será a cidade de Galicia que recibirá un maior investimento en obras de servizos sociais: 17 millóns de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao respecto deste montante, a titular de Política Social detallou que inclúe os máis de 12 millóns de euros cos que a Fundación Amancio Ortega financiará o novo centro residencial e outros 5 millóns de euros de fondos propios para a construción do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade (CAPD), así como as melloras nos centros de menores de Montealegre e A Carballeira.

Na súa intervención, Fabiola García explicou as actuacións previas que se están a levar a cabo para facer realidade esta nova residencia que, como as proxectadas nas outras seis cidades galegas, terá custe cero para o erario público. En concreto, xa se iniciaron os traballos de demolición da antiga estación de autobuses, que se están a acompasar cos da nova intermodal na zona da Ponte.

Ademais, a titular de Política Social destacou a necesidade do novo centro residencial ao que se destinarán 12 millóns de euros, que porá a disposición das familias 120 prazas públicas para a atención dos seus maiores e permitirá a creación de máis dun centenar de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Tamén defendeu a idoneidade da parcela, fronte a inicialmente prevista na zona do Vinteún, por contar con máis de 10.000 metros cadrados, estar máis preto do centro urbano, ter unha gran facilidade de acceso e unha situación privilexiada con vistas sobre o río Miño.

Pública e innovadora

Así mesmo, Fabiola García manifestou que a residencia será 100% pública e disporá dun equipamento punteiro e servizos innovadores, como as unidades especializadas no tratamento do alzhéimer e outras demencias, o que a converterán nun dos mellores centros de atención integral ás persoas maiores a nivel europeo.

Por último, lembrou que a colaboración entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega xa deu mostras dos seus froitos na cidade das Burgas co centro interxeracional da Farixa, un servizo que é pioneiro e de referencia en toda España.