O bono comercio chegou a preto dun millar de veciños nas primeiras 24 horas

Onte pola tarde comezou a distribución  das  tarxetas bono “O Carballiño Contigo”  para todas as persoas maiores de 18 anos. A veciñanza poderá  adquirir,  previo pago de  25 €,  unha tarxeta bono de 50€  por persoa presentando o seu DNI,   implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local. Nestas primeiras 24 horas, a iniciativa amosou un éxito de participación, entregando xa a metade das tarxetas, ó redor do millar. Nas primeiras horas puidéronse ver colas de xente esperando para adquirila, cumprindo as medidas sanitarias.

Hoxe pola mañá mantívose a afluencia, aínda que máis moderada ca onte. Pola tarde estará aberto ó público dende as 17:00 horas ata as 21:00 horas.

AVANTAR ACTIVIDADES

A campaña terá un gran impacto na vila, xa que se distribuirán un total de  2.000 tarxetas e  poden participar todas as empresas excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas; e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado, garántese a recuperación do consumo a curto prazo.

Os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, só serán válidos no Carballiño e pretende tamén a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.