O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou que “con esta homenaxe permanente seguiremos falando, repasando e debullando o pensamento político e a grandísima influencia social e cultural de Nós”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente de Galaxia, Antón Vidal, presentaron hoxe a “Biblioteca Nós”, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.

Baltar salientou que o ano de Nós “non remata dentro de tres días, en 2021, pois para a Deputación seguirá sendo un ano de homenaxe a esta xeración que creou unha “marca de país”, que se propuxo poñer a Galicia no lugar que lle corresponde, no contexto estatal ibérico, europeo e internacional e tamén coa ligazón coa nosa emigración, en definitiva unha xeración na que resaltan Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas e Losada Diéguez, que recolleron a tradición do noso co acerto de analizalo e darlle unha interpretación científica a todos eses datos”.

O presidente do goberno provincial destacou que este legado “será eterno”, e “a homenaxe permanente que debemos render non queda só no nome da biblioteca, nin no ano 2020, nin no premio “Otero Pedrayo” ás catro fundacións que seguen lembrando a gran obra e o compromiso con Galicia desta xeración, senón que con videoconferencias e con todas as cuestións que estamos realizando desde a Deputación de Ourense, entre elas, a exposición que cofinanciamos coa Xunta e que verá a luz en 2021 no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación, seguiremos falando, repasando e debullando o pensamento político e a grandísima influencia social e cultural de Nós”.
Pola súa banda, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou. Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas “está marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, descubriuse a placa conmemorativa co nome desta infraestruturas no complexo de San Francisco.
A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leira, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudade, Entre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.
“Esta é unha iniciativa na que contamos co mellor aliado: Galaxia, unha editorial que simboliza a resistencia cultural do galeguismo e que está moi vencellada tanto a Nós como a Ramón Otero Pedrayo, presente na súa primeira asemblea”, subliñou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha editorial con máis de 70 anos de historia e case 4.000 libros editados. “Galaxia dispón dun catálogo con autores ilustres como Castelao, Risco ou Cuevillas”, sinalou.
O lanzamento desta nova colección enmárcase nos actos que Deputación de Ourense e Xunta desenvolven con motivo do centenario da Xeración Nós, co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais. As actividades inclúen publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións, entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra que xa foi visitada na Cidade da Cultura por máis de 10.000 persoas de xeito presencial e que chegará á cidade de Ourense o vindeiro 18 de febreiro; máis de 300 pezas compoñen esta mostra procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal, que poderán contemplarse co apoio da Deputación de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata abril de 2021.