O Inorde consolida a súa colaboración con Cáritas con cursos de preparación

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Deputación de Ourense acolleu o acto de entrega de diplomas do curso “Actividades básicas en agricultura”, que impartido polo persoal técnico do centro e organizado por Cáritas Ourense ofreceu a dez persoas a oportunidade de adquirir os fundamentos necesarios para traballar en calquera tipo de explotación agrícola. “Un curso -dixo o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández- que non pode entenderse como un feito illado, senón no marco da formación agrogandeira que programa o Inorde ao longo do ano, pero desta volta cun notable carácter social ao capacitar a persoas desfavorecidas na actividade dun sector deficitario en persoal cualificado”. 

Rosendo Fernández destacou tamén o aspecto solidario que se promove con este curso, “pois os participantes coñecen que todos os produtos que se cultivan nas fincas do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, froito das labores formativas, son entregados a Cáritas Ourense para axudar á poboación máis desfavorecida”. Neste ano e xunto cunha pequena horta que aportou vexetais frescos aos alumnos, o Inorde coa colaboración dos participantes aportará preto de 30.000 quilos de patacas a Cáritas, que se sumarán a outros 25.000 quilos deste tubérculo xa entregados ao Banco de Alimentos de Ourense. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao longo de 500 horas formativas, e con todas as medidas de seguridade e protección individual como consecuencia da pandemia, os alumnos adquiriron coñecementos en labores de preparación do solo, fertilización, plantación de cultivos, instalación e mantemento de sistemas de rego, loita contra pragas e enfermidades ou recolección, manexo e procesado de produtos, combinando sempre a formación teórica coa práctica. O curso complementouse con nocións de xardinería e conservación de espazos naturais, así como con tarefas relacionadas co mundo da viticultura. Os traballos a pé de finca realizáronse tanto nas parcelas que o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro posúe en Xinzo, onde se ubican estas instalacións, como noutra parcela situada no Concello de Monterrei e dedicada á experimentación e desenvolvemento de novos productos.