Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego
Como un xa vai virando décadas é quen de lembrar un líquido efervescente, de aspecto turbio, que servían en moitas tascas do Franco compostelán durante a década dos setenta do século pasado; tiña exquisitas propiedades vomitivas e era quen de erguer dores de cabeza tan intensas como algunha das aulas ás que tiñamos que asistir. Eran os anos setenta do outro século. Dicían que era Ribeiro. Seica, comentábase, naquela rúa santiaguesa vendíanse máis litros daquela beberaxe ca do viño que se podía producir nos vales do Miño e do Avia. A dicir verdade, había excepcións, nalgunhas servían viño.
Tamén, por razón de acumulación de quinquenios, tivemos oportunidade, contra o remate daquela década, de facer de clac do Aristóbolo Quinteiro, o Tobo das Regadas, nalgúns mitins da prolongada campaña contra o matute, argallada polas Comisións Labregas. Ao Tobo tiven a fortuna de volvelo ver en dixital, como se ve agora a xente, no magnifico curto documental As regadas. Life in a disappearing village (2018) de Aidan Hamell. Por certo que o Tobo, como o meu amigo Perfe, do Crecente baixomiñoto, e a mesma dona Emilia, son case abstemios, pero nada repugnantes. Dona Emilia deixou escrito un fermoso artigo no que dá conta dunha visita a Bordeos, por mor dunha especie de congreso literario, no que como convite “por espacio de cuarenta y ocho horas recorreríamos los chais, sin otro intervalo sino el indispensable para almorzar, comer y dormir”. No percorrido a Bazán tivo que enfrontarse á cata do produto de 51 bodegas. Argallou de todo, dende botarlle xeo ante a expresión horrorizada dos comensais ata guindar o viño ao chan con oportuno disimulo. Non deixaba de lamentarse dona Emilia de que non estivese no seu lugar alguén que o tivese en “mayor estimación de la que yo le otorgo, porque prefiero el agua”[1]. A estes gustos “augados” de dona Emilia tense achegado o profesor Barreiro Fernández e máis Patricia Carballal[2].
Sen a perspectiva temporal non é doado percibir a eficacia das mobilizacións sociais. Estou convencido de que o cambio radical e o prestixio actual do Ribeiro non sería posíbel sen aquelas prédicas do Tobo e sen aquela manifestación dos primeiros meses dos ano oitenta, e, por suposto, sen a acción dos colleiteiros que con agarimo recuperaron as vellas castes e axeitaron o seu cultivo e elaboración ás novas técnicas.
Mais a cousa viña de longo. Na madrugada do sete de xaneiro de 1913 chegaron á estación de Ribadavia dous vagóns cargados de pelellos de viño, procedentes de Burgos, en concreto de Roa de Duero. Alí presentáronse o alcalde e o delegado de sanidade, así como o presidente da sociedade agraria de Ribadavia, Emilio Gómez Arias[3], e dous vogais da mesma. Informáronse de que o viño tiña como destino a casa de Antonio Fernández “O pataqués”, na Esperela (Leiro), e que dende alí sería transportado a Prado (Lalín) a un almacén propiedade de Ignacio Fernández González. O alcalde de Ribadavia comunicoulle ao de Leiro que vixiase que non se enviase como Ribeiro e demandou do inspector de sanidade certificación da súa pureza.
Por estrada, transportados en carros, saíron camiño da Esperela os pelellos. Á altura de Beade, xuntáronse un “numerosísimo” grupo de homes mulleres e nenos de Esposende, Vieite e Beade e picaron os pelellos derramando o seu contido. O almacenista Ignacio Fernández González, veciño de Vilaverde (Leiro), acudiu á garda civil de Ribadavia para denunciar que lle querían estragar unha gran cantidade de pelellos que transportaba en carros. Cando chegou a garda civil atopouse con que os veciños xa furaran os pelellos de oito carros e botáranse sobre os cinco que acababan chegar coa intención de facer o mesmo, como así fixeron, ignorando as advertencias da benemérita. Esta tivo que se retirar “al ser ya de noche, sin haber verificado detención alguna”, por consideralo imprudente “dada la enorme concurrencia y la excitación de ánimo que reinaba”.
Dous días despois, a veciñanza dos arredores (Esposende, Vieite, Leiro, Gomaríz, San Clodio,…) presentáronse en Beade con bandeiras e músicas para felicitar os que, como as autoridades non tomaban medidas para evitar o fraude, o impediron polos seus propios medios. Foron 130 os pelellos rachados que acadaban un valor de 8.500 pts[4].
A cousa non parou aí. Tres días despois os veciños de Feás (Boborás), ante a chegada dunha partida de viños casteláns que despois se venderían como Ribeiro, “en compactos grupos”, duns catrocentos homes, “dando gritos subversivos” en contra dun “traficante que se dedica a este negocio”, e “arrojando bombas de dinamita”, entraron nos locais onde se gardaban viños “extraños a esta comarca”, derramándoo e inutilizando cubas, bocois e outros aparellos para facer as mesturas. Os “amotinados” dirixíronse despois á Almuzara onde fixeron o mesmo e tomaron dirección ao Carballiño coa idea de destruír os almacéns de viño para que servise de escarmento.
Segundo os gaceteiros, as xentes do Carballiño están “alarmadas” ante a proximidade dos “revoltosos” que seguen a empregar a dinamita e en especial porque os “amotinados lancen ciertos gritos subversivos, que no guardan ninguna relación con la campaña de los vinos falsificados”.
Nos núcleos de poder saltaron as alarmas. Todos eran a reclamar o envío de gardas para conter as xentes ribeirás. A garda civil concentrouse no Carballiño, onde se enviaron números do resto da provincia, agás dos postos do Ribeiro, de Pontevedra e Vigo. O gobernador civil, José Corral Larre, que se atopaba en Madrid, reuniuse con urxencia co ministro de gobernación[5] que o mandou decontado para Ourense coa orde de aplicar a lei con rigor. Na madrugada do día 12 Adolfo Merelles[6], deputado do distrito de Ribadavia, desprazouse a Ourense para reunirse cun delegado gobernativo, dar conta de como estaban as cousas no Ribeiro e prever as consecuencias da manifestación prevista para ese día na que, coidábase, poderían participar unhas 8.000 persoas. O deputado liberal considerábaa improcedente e imprudente por non contar co permiso pertinente e censurou os sucesos de Beade por ilegais, desmentindo que el os inducira. Merelles considera un grave problema o dos viños adulterados polo que asegura que presentará a cuestión nas Cortes, aínda que un repaso por riba ao diario de sesións non nos permitiu localizar ningunha intervención súa ante o pleno.
O precipitado
regreso do gobernador, o despregue de garda civil e a presión sobre os alcaldes
do partido de Carballiño e Ribadavia foron calmando os ánimos dos colleiteiros
e coutando a avaricia dos almacenistas, pero nin moito menos rematou cos
matuteiros. O ministro liberal Alba anunciou a persecución do fraude e castigo para
as persoas de relevo, verdadeiros promotores do conflito, segundo el, pero que
nunca se accedería á pretensión de crear un dereito aduaneiro para os viños de
Castela[7].
[1] “Por las bodegas” en Los lunes de El Imparcial, Madrid. 2 de setembro de 1895
[2] Barreiro Fernández, X.R. e Carballal Miñán, P. (2004): “El vino en la obra de Emilia Pardo Bazán” en La tribuna, Cadernos de estudos da casa museo Emilia Pardo Bazán, nº2.
[3] Emilio Gómez Arias, adegueiro, secretario municipal e avogado. Presidiu os agrarios de Ribadavia, enfrontados cos de Basilio Álvarez, entre 1912 e 1914, cando se celebraron a IV e V asemblea agraria na capital do Ribeiro. Xefe dos liberais e recadador de votos para Adolfo Merelles Martel.
[4] O negocio debía ser pingüe se calculamos en 40 litros por pelello; os 130 serían uns 5.200 l., se o valor era o indicado, unhas 8.500 pts, serían sobre 1,6 pts/l. Na altura o viño do Ribeiro pagábase entre 50 e 60 pts por moio de 8 olas mais dous litros; isto é, 130 l.; polo que sairía a 2,6 pts./l.
[5] Santiago Alba Bonifaz (1872-1949). Un dos máis destacados dirixentes liberais e, na altura, ministro no segundo goberno do conde de Romanones
[6] Adolfo Merelles Martel (1883-1962), deputado polo distrito de Ribadavia entre 1910 1914 polos liberais. Concorreu durante anos ás elección sendo derrotado polos candidatos bugallalistas. Fillo de Adolfo Merelles Caula, deputado por Ourense ou por Ribadavia entre 1869 e 1910 e neto do deputado polo Carballiño, Domingo Antonio Merelles, que ademais de ser alcalde de Santiago, senador e gobernador civil de Ourense, fora vogal da Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia presidida por Pío Rodríguez Terrazo en 1846. O fundador da saga, aínda que natural de Avión, estableceu a súa residencia no pazo da Porteliña, en Beariz.
[7] As informacións están tiradas de exemplares de entre 10 e 14 de xaneiro de 1913 de Diario de Pontevedra, Correo de Galicia, Diario de Galicia, Noticiero de Vigo e La voz de la verdad.
———————————————————————————————————
Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.
Outros artigos de Carlos Meixome:
Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”
Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “
Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria
Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario
Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario
Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria
Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe
Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”
Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”
Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “
Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “
Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “
Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos
Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas
Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande
Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.
Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”
Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara
Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.