Emigración destinou 600.000 euros en 2020 para apoiar a case un centenar de galegos retornados que puxeron en marcha un proxecto empresarial

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que o 65% das solicitudes proceden de América, mentres o 29% o fan dende Europa

Por provincias, A Coruña contou con 42 novos negocios de galegos retornados apoiados pola Xunta; Pontevedra con 35, 11 Ourense e 6 Lugo

AVANTAR ACTIVIDADES

A Secretaria Xeral da Emigración destinou en 2020 un total de 600.000 euros para apoiar a case un centenar de galegos retornados que puxeron en marcha unha pequena empresa a través a liña de axudas ao autoemprego para retornados emprendedores.

Deste xeito, aínda que inicialmente destinábanse a este fin 400.000 euros, o aumento de solicitudes, que chegou ata as 122, provocou a necesidade dun aumento do orzamento de 200.000 euros, dando así resposta a un total de 94 emprendedores retornados que completaron a tramitación das solicitudes. Deste xeito, atendéronse todas as solicitudes que reunían os requisitos demandados.

Na súa maioría, as solicitudes procedían do continente americano, nun 65%, mentres que un 29% o fixeron dende Europa, e o restante proceden de países coma China ou Nova Zelanda. Os países con galegos retornados que presentaron máis solicitudes para o autoemprego foron Venezuela con 33 demandantes, México con 13, Reino Unido con 14 e Suiza con 8.

Por provincias, 42 galegos retornados decidiron poñer en marcha un negocio nalgunha das localidades da provincia de A Coruña, destacando a capital da provincia con 8, Santiago de Compostela con 6 e Oleiros con 4; na provincia de Pontevedra foron 35, 9 en Vigo, 7 na cidade do Lérez e 3 na Estrada; en Ourense, foron 11 os negocios abertos por autónomos retornados, destacando 5 deles na capital da provincia e 3 en Celanova. Finalmente, na provincia de Lugo, foron 6 os galegos retornados que iniciaron un proxecto empresarial, 4 deles na capital e outros dous en Abadín e Ribadeo.

Esta liña de axudas, segundo explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ten como obxectivo colaborar cos galegos do exterior que regresan á comunidade para poñer en marcha un negocio propio, dándolle un apoio económico cunha contía fixa de 5.000 euros para cada persoa retornada emprendedora, que pode verse incrementado ata en 1.000 euros máis se é muller, e ata outros 2.000 máis se o negocio está establecido nun concello rural.

A este programa da Xunta poden acollerse os galegos de nacemento, os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e os descendentes das persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, establézanse na Comunidade Autónoma galega.