A Deputación de Ourense completa o Eixo Atlántico

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Xoán Vázquez Mao (Secretario Xeral do Eixo Atlántico).

A Deputación de Ourense formará parte do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal. Así o deron a coñecer hoxe, trala reunión celebrada no Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. A incorporación, que se fará efectiva na vindeira asemblea xeral do Eixo Atlántico, en febreiro, “supón para Ourense un excelente posicionamento e unha magnífica oportunidade para desenvolver proxectos europeos de cooperación interterritorial”, afirma Manuel Baltar. 

“É unha magnífica noticia para empezar este 2021, celebrar unha xuntanza de traballo con Xoán Vázquez Mao e confirmar a entrada da Deputación de Ourense nunha entidade de tanta relevancia na cooperación europea como é o Eixo Atlántico”, expresou o presidente do goberno provincial, salientando que este ano “tamén teremos grandes novas, como a como a declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco da Ribeira Sacra, ou a apertura do Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, proxectos nos que tamén está a Deputación”, salientou Baltar, cualificando a entrada no Eixo Atlántico como “un escenario perfecto para seguir ampliando a nosa rede de traballo cunha entidade de tanto prestixio, que engloba cidades, concellos e territorio de Galicia e do Norte de Portugal cos que compartimos moitos intereses nun momento absolutamente transcendental”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar afirma que toda esta cooperación “fortalecerá as liñas de traballo de recuperación social e económica por mor da pandemia, e tamén será un alicerce para a colaboración o noso potencial termal e a Presidencia que ostento da Asociación de cidades históricas termais de Europa, organización que poremos, asemade, a disposición do Eixo Atlántico para cooperar conxuntamente”. Unha cooperación que marcará “un antes e un despois en canto a alianzas en políticas públicas comunitarias”, dixo Baltar, quen confirmou que no pleno da Deputación deste mes de xaneiro terá lugar oficialmente a aprobación plenaria da incorporación. 

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Xoán Vázquez Mao (Secretario Xeral do Eixo Atlántico).

Pola súa banda, Vázquez Mao expresou os parabéns á Deputación de Ourense, “cuxa incorporación foi aceptada por unanimidade e que permitirá reforzar os territorios do interior en materias como o reto demográfico, nun momento no que necesitamos ter entidades que sexan cabeza de ponte para este traballo, entidades con capacidade de xerar proxectos, como é o caso da Deputación de Ourense”. 

O secretario xeral do Eixo Atlántico salientou que en momentos de debilidade política “cómpren entidades e políticos que reforcen e defendan os nosos intereses comúns en ámbitos de infraestruturas, sociais e económicos”, e citou ao termalismo e ao turismo de natureza como ámbitos importantes para a recuperación económica, afirmando que a incorporación da Deputación de Ourense ao Eixo Atlántico “permitiranos consolidar un lobby, o que significará un reforzamento mutuo para a provincia e para o eixo, dado o amplo territorio transfronteirizo e a experiencia de cooperación que neste ámbito ten a provincia de Ourense”.