A vacina chegou hoxe a catro residencias da comarca. O domingo chegará a Beariz

No Asilo do Carballiño, Rosa, enfermeira do equipo de vacinación, administra a vacina a Uxía, enfermeira do centro.

Na xornada de hoxe, os equipos de vacinación do CHUO achegáronse ata as residencias de maiores do Irixo, o Asilo do Carballiño e á Casa Grande de Maside e ó Fogar Residencial de Dacón. Nos pasados días xa puidemos ver como os equipos de enfrmeiría chegaban tamén a San Amaro, As Caldas, Boborás ou ás dúas residencias do Cornuval. Pouco a pouco, a maioría das residencias reciben esa primeira dose da vacina. A maioría das que xa a recibiron non contaron con brotes de importancia nin na primeira nin na segunda vaga da pandemia. Unha das máis afectadas, e que aínda está loitando co virus é a residencia de San Cristovo de Cea, que chegou ós 21 contaxios e a día de hoxe conta con 7 activos.

A vacina chegará este domingo á residencia San Antonio de Beariz. Neste caso pódese dicir que chega un aluvión de esperanza. No mes de decembro, a residencia facía fronte a un brote que afectou a máis de 40 residentes de 10 traballadores e cobrouse a vida de seis persoas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou a decisión de blindar estas residencias e suspender as visitas ata que non se logre vacinar a todos os usuarios e traballadores. Segundo os prazos da Xunta, estímase que se consiga a inmunización dos residentes a finais de xaneiro.