O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Por Felipe-Senén

O Catálogo dos Castros de Carballiño” é  o terceiro fascículo do pretendido Catálogo dos Castros Galegos editado pola revista “Nós” no febreiro 1930 .

AVANTAR ACTIVIDADES
Catálogo dos Castros Galegos

 Páxinas que recollen o traballo comandado pola Sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos dirixida por Florentino López Cuevillas  e a sección de folklore por Vicente Risco. Proxecto de documentación e sensibilización, bases da arqueoloxía científica en Galiza, que non perde actualidade. E caben sempre revisións. Así que os poderes públicos que son os municipais, os provinciais, os autonómicos e  mesmo os estatais, en base ao artigo 46 da Constitución que obriga a estes á protección do patrimonio cultural, deben tomar nota do que compre pra ter una cidadanía culta, isto é que cultiva as orixes,  a orixinalidade, recurso turístico tamén.

Risco, Antonio Amoeiro, Leuter González, Cuevillas, mesmo contando coa axuda de Lousada Diéguez e doutros intelectuais e mozos  estudantes de entón son os encargados da elaborando tal catalogación inicial dos asentamentos castrexos da contorna do Carballiño. Non lle era difícil aos membros da Xeración “Nós” achegarse ao Carballiño, furar por estas paisaxes e paisanaxes, pois aquí contaban con bos amigos, colegas e alumnos: dende Alfonso Vázquez- Monxardín, ourensán casado na vila, con Emilia Blanco a Chamoso Lamas, alumno de Lousada, de Castelao, amigo de Risco… Terra de Balnearios ben sabidos e frecuentados por iles. E tíñano fácil, xa que tamén en Moldes contaban con parada e fonda ofrecida na casa do  filósofo, humanista e  prócer daquela xeración, o fidalgo Antón Lousada Diéguez (1884-1929). Intelectual este formado nas escolas xesuíticas de Camposancos e de Deusto, isto convén dicilo por antecedentes e transcendentes; logo, nese ir e vir coincidente en estudos en Compostela, en Madrid con Otero, Cuevillas e Risco, despois en Compostela,  pra finalmente recalar nunha Pontevedra animada, ente tantos por Bóveda e Castelao… Lousada era membro e dende os inicios das Irmandades da Fala pra logo conectar co grupo de intelectuais de “La Centuria” Risco, Cuevillas, Primitivo R. Sanjurjo, Otero, Noguerol e contribuir a reverter as súas ansias teosóficas e creadoras ao galeguismo… ideais nos que se atopan tamén co  noso Xosé Calviño Mariño, activista galeguista na Coruña, Lalín, Vigo… e  que despois da guerra, entre os silencios impostos, será funcionario de Correos no Carballiño . Xeiras de pescuda arqueolóxica nas que contaban, ademais, coa Granxa dos Espinosa, en Parada (Boborás),  nas abas do  atractivo Castro de Cameixa.

E non cabe dúbida que neste “Confín dos verdes Castros” como se canta no himno, o primeiro é entrar neses enigmas de poboadores que se ven asociados cos “celtas”, “os outros” pros romanos, caracterizados polo seu animismo panteísta, o uso de símbolos de casta e rango como os torques, as arracadas… teimudos coas representacións cosmogónicas e de tantos elementos decorativos de procedencia oriental, indoeuropea… Asentamentos meditadamente erixidos sobre rebordecháns, montes de media altura con amplas vistas e privilexios xeoestrátexicos, asociados á minería e á metalurxia, á gandaría e ao agro tamén. Coutos habitados, defendidos por valados  e foxos, onde manda o círculo. Asentamentos en relación cos hillforts británicos e europeos, moitos deles arredor do cambio de era ocupados e aculturados pola romanización.

Comeza a  referida Catalogación dos Castros do Carballiño cunha introdución  xeográfica “A Terra do Carballiño” … “País de bocarribeira e meia montaña, que forma un escalón entre as serras do Testeiro, o Foxo do Cabrito, a Madanela e ao fondo o val do Miño, escalón que se continúa nos Chaos de Amoeiro e do San Amaro…e que por Cea ponse en contacto co Val de Vilamarín…” Así pois encrucillada entre a montaña, os ribeiros e os camiños que seguen cara ao mar. 

Estudo no que a curiosidade antropolóxica de Risco repara na abundancia da “pigmentación morena, especialmente nas parroquias lindeiras co Ribeiro de Avia, sendo frecuente sobre todo nas mulleres un subido cor roxo na meixelas”… Abondan – e ben me agrada repetilo pra conservalo –   en que esta “é xente alegre, franca, simpáticos, xenerosos, gostan de agasallar ao forasteiro e teñen grande apego á fala vernácula”.

Segue a publicación referenciando o “emprazamento” de cada castro,  reparando  nas “características defensivas”, nas medidas.  Hoxe, pese ás dificultades das repoboacións forestais e o intervencionismo, axudarían moito as novas tecnoloxías, os sistemas fotográficos e topográficos aéreos, os plans básicos, visor mdt  (modelo dixital do terreo) entre outros que superan  os intentos de debuxo, as mesmas fotos do voo americano do 56…. Segue un amplo apartado, a modo de artesa na que cabe todo, dedicado a “observacións” arredor do conxunto e das particularidades, os achados e as noticias. Non falta a referida sección  de “folklore”, na que se resume o que contan os vellos do lugar, os achados,  as lendas das mouras, as trabes,  os tesouros e finalmente a “bibliografía” coñecida entón. Páxinas complementadas con debuxos da planta e perfís dos asentamentos, así  como dos anacos cerámicos atopados.

Finalmente e a modo de conclusións  engádense unhas “Consideracións Arqueolóxicas”, analizando a relatividade, a dispersión de asentamentos, que din ser poucos, respecto a outras zonas veciñas. Así como nas características dos emprazamentos, na feitura e grandor, nas defensas, no abastecemento de augas, nos obxectos atopados… Finalmente as consideracións folklóricas, como a referencia as mouras e á fonte, aos tesouros, ás trabes de ouro e alcatrán, ao peite de ouro, á cabra e a becerra, aos desencantamentos…

Asentamentos castrexos enumerados

O primeiro catalogado será o Castro de San Facundo de Cea,  rematado na croa por uns petoutos sobre os que se puxo un cruceiro. Asentamento no que se di que nel atopouse un teosouriño de moedas e unha inscrición co nome de “Meidevena”. Enclave asociado coa Civitas de Arsacia (?) onde o San Facundo e o San Primitivo recibiron martirio. Feitos nos que compite con Sahagún, a que tamén se atribúe ser escenario da mesma historia . Ferro Couselo  mantiña a tese do San Facundo de Cea, baseándose en preitos da se Auriense con  Sahagún.

Engadirei ao folklore que teño escoitado que uns veciños, ala polos anos cincuenta, atoparon na croa deste castro unhas “tesoiras de ouro”.

O Castro do Monte dos Ollos ou de Corneda, coñecido tamén comoEira dos Mouros” entre Vilameá e da outra cara a aldea de Readegos, concello do Irixo. Couto erguido e ventado, protexido por unha soia muralla de pedra e con amplísimas vistas. Coa particularidade de non ofrecer mostras de restos de construcións no interior. Dada a súa proximidade ao Castro de Souteliño e mesmo ao de Orros, pensamos que tería a significación dun santuario. Na parte baixa cara Corneda hai varias mámoas seguidas.

O Castro da “Cidade” de Orros, Irixo, próximo ao Foxo do Cabrito. Recinto  rectangular de valados de cachote, derrubados sobre o foxo. Couto con antecastro e mostra de dúas torres na entrada.

Castro de Guimarás , en San Mamede da Canda, Piñor de Cea, sinxelo erguido sobre o río que ven de Oseira e que nutre o Arenteiro. Contan que preto del, en Borrán, atopáronse uns “canos feitos de pedra e ladrillo” que asocian cunha vila.

Castro de Souteliño situado entre as parroquias de Xurenzás, (Boborás) e Corneda (Irixo).

Castro Souteliño (Boborás)

Castro de interese xeoestratéxico. De planta complexa, formada por varios recintos, na banda máis accesible cinco ao menos, complementados con foxos. Asentamento rico en lendas de mouras cos peites de ouro, en trabes de ouro e alcatrán, a do ben e a do mal… na galiña cos poliños de ouro… Castro que consideramos un dos máis interesantes da cultura castrexa polas súas medidas, características de emprazamentos, defensas… merecedor de protección, ao menos inicial: deforestando o arborado que o degrada, pra conservalo tipo hillfort británico, asentamentos da Idade do Ferro aos que recorda e que non dubidamos en apelidar “célticos”. Así , limpo, xa se denotaría a súa singularidade, a atractiva grandeza e singularidade.

Esquema Castro Souteliño (Debuxo López Cuevillas)

Castro de Cameixa. No concello de Boborás, ergueito sobre o val do Viñao e abrindo aos ribeiros do Arenteiro e do Avia. Castro ben sabido de Lousada Diéguez e dos seus seguidores, por iso máis divulgado e examinado. Asentamento cunha grande defensa murada , complementada de foxo. Ente as estruturas do seu interior atópanse anacos cerámicos ricos en decoración xeométrica… Prolífico tamén en  lendas en relación coas mouras e as trabes. Se ben aquí coa particularidade  da cabra de ouro e a becerra de prata. Castro escavado ao final da súa vida por Cuevillas e polo seu continuador Xoquín Lorenzo, entre 1944 e o 46 , ofrecendo a superposición de  cinco estratos habitacionais, incluso vestixios de cabanas tramadas con ramallos que poden estar arredor do século IV a. C. Estudos arqueolóxicos ampliados no 1997 por César Parcero Oubiña dentro dos plans do Grupo de Investigación de Arqueoloxía da Paisaxe da Universidade Compostelán. E do 2018 ao 19  revisado e ampliado en investigacións polo arqueólogo Jorge Lamas pra confirmar a súa antigüidade e romanización.

Castro de Moldes en Boborás e sobre o que no medievo se asentou o adro, cemiterio e igrexa románica do San Mamede. Templo ao que se incorpora a capela funeraria da familia de  Lousada Diéguez; camposanto no que tamén está a tumba do seu alumno, amigo de Risco e Cuevillas, o historiador da arte e arqueólogo  Manuel Chamoso Lamas (1909-1985). Castro que parece ser  dun só valado e foxo, os que xa pouco se denotan polas intervencións sufridas.

Castro Meimón, en Vilachá de Boborás. Coñecido como “A Goia”. Asentamento que consta dun so recinto circular, de alto terraplén e foxo. Nel atopáronse restos do que dicían ser  un “forno”,  construción de tellóns e pedra. Contexto  abundante en  lendas  que falan de mouros gardiás de trabes de ouro. Contan tamén que arredor do castro hai “dez garitas” e a “fonte dos mouros” onde na madrugada do San Xoán  se peiteaban as mouras con peite de ouro…

No apartado dedicado a “consideracións” nesta primeira catalogación  dos Castros do Carballiño, os pescudadores reflexionan sobre os oito castros  que hai en cincuenta e tres parroquias, o que lle parece pouco respecto aos dezaseis castos de corenta parroquias de Celanova e mesmo cos outros catalogados de Vilamarín con once en trece freguesías. Asunto supeditado a novas revisións.  Polo demais as características con outros castros son moi semellantes, dando o de Cameixa unha particularidade respecto a súa antigüidade: cerámicas de influencia ibérica ou celtibérica e construcións de ramas e pallabarro…

As paxinas de Risco respecto ao ”folklore “dos Castros do Carballiño, son antolóxicas, cun atractivo apartado no referido ao desencantamento dos tesouros, onde a Risco lle toca a febra teosófica o que pon en relación  “ co libro dos circos máxicos, de orixe seguramente ciprianico” referíndose a San Cibrao de Antioquía a quen se lle atribúe o libro máxico do   “Ciprianillo”. Parase  Risco no vento, o ar, co que di se identifica o espírito, pneuma, anima, alma, espírito, “non sendo raro que as potenzas invisibles se presenten na forma de grandes ventos”….Os druídas aseguraban que cando unha alma de alta categoría deixaba o mundo a (heroes santos, sabios….) movíase unha forte treboada, pois crebase o equilibrio do mundo, e os ventos viñan encher o baleiro que aquela alma deixara”…pero o demo tamén pode mover os ventos cando sae do inferno movido polos conxuros”…. Seguiremos pois cun tema sempre inacabado.

11 Xaneiro 221

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño