Gonzalo Caballero: “Feijóo ten que vir a Ourense a explicar que segue a ser o responsable de colocar a Jácome, de deixalo e de volver agora a manter este esperpento”
O líder dos socialistas galegos destaca que as emendas do PSdeG aos orzamentos da Xunta “defenden Ourense fronte a unha Xunta que esquece á cidade e un goberno local que é unha rémora”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe a Feijóo que “veña a Ourense a explicar que segue sendo o responsable de colocar a Jácome, de deixalo no goberno e volver agora a manter este espectáculo”. Así o dixo en Ourense logo dun encontro co secretario provincial de Ourense e portavoz socialista no Concello, Rafael Rodríguez Villarino.
O responsable socialista cualificou de “esperpento” e “situación kafkiana” que logo de que o PP saíra do goberno pedindo a dimisión do alcalde, e que Feijóo lle retirara a interlocución coa Xunta, “meses despois empezan de novo a bailar”. Un “baile para emparellarse” no que, dixo, “Feijóo e Baltar son mestres de cerimonias da indignidade e falla de respecto á política da cidade”.
Hoxe o PP é o “bastón de Jácome para manterse na alcaldía” atrincheirado con 2 concelleiros, evidenciando a “farsa” do PP e que “nunca quixeron sacar a Jácome nin levar adiante a moción de censura porque prefiren que a cidade siga vivindo no caos”, converténdoa no “hazmerreír de toda España”.
Resumiu que “aqueles que dixeron que Jácome era un alcalde impresentable e que tiña que dimitir, levando a Ourense a unha situación límite, hoxe queren volver ao goberno co actual alcalde”. Reclamoulle a Feijóo que “rectifique a situación de inestabilidade que está provocando en Ourense, e que non dea marcha atrás, e se quere gobernar con Jácome que veña a Ourense e llelo explique”.
O líder dos socialistas galegos presentou en Ourense as emendas que presentarán os socialistas galegos aos Orzamentos da Xunta con investimentos “para que Ourense vaia adiante”. Dixo que “os socialistas defendemos a Ourense fronte ao goberno da Xunta que se esquece dos ourensáns e un goberno municipal que é unha lousa e unha rémora” para a cidade.
Os socialistas explicou que as emendas buscan que “vaian adiante os proxectos que teñen que estar desenvolvidos en Ourense”, mellorando a situación sanitaria con “asignaturas pendentes” como os centros de Saúde do Vinteún, a mellora da Rúa Concordia, o ecobarrio da Ponte, o proxecto termal cun gran hotel balneario ou a nova escola infantil.
Rafael Villarino
O secretario provincial e portavoz municipal do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que “o único camiño posible é unha moción de censura” que está “amparada polos grupos políticos” agás o PP, que “sempre se resistiu a sentarse con nós, nunca quixo asistir a ningunha das xuntanzas que lle propuxemos e unicamente sabe atacar ao voceiro”.
Emprazou ao presidente da Xunta a “vira a Ourense e diga que está disposto a cambiar esta deriva e tomar a acción para que este goberno non siga á fronte da alcaldía”, e que mantén á cidade “abandonada, esquecida, sen ningún proxecto e ningún plan” por parte do “microgoberno de 3 persoas” que comparou cunha “república bananeira”.