Miranda analiza co director do CDG unha futura colaboración para achegar o teatro de Galicia aos galegos do exterior

O secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión con Fran Núñez para facer chegar a actividade do Centro Dramático Galego á colectividade galega de América e Europa

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión co director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, co obxectivo de analizar unha futura colaboración entre ambas entidades de cara a poder achegar o teatro que se fai na nosa comunidade autónoma aos galego do exterior.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante o encontro, Rodríguez Miranda e Francisco Núñez estudaron poder ofrecer o traballo que se desenvolve neste eido cultural a través do CDG mediante medios telemáticos durante o tempo que dure a pandemia, que está a impedir a posta en escena das obras do xeito habitual, e posteriormente, dunha maneira máis directa a través dos centros e entidades galegas en América e Europa.

Inicialmente, dentro duns días, achegarase á colectividade no exterior, de xeito telemático, a nova produción propia do Centro Dramático Galego, que acaba de abrir a nova tempada co “Charco de Ulises”, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marían Bañobre, que revisa A Odisea dende a perspectiva da emigración galega, situando o clásico de Homero nun contexto trasatlántico.

A trama do texto escrito por Cortegoso discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos pero a idea do regreso á patria non o abandona nunca. Así, a proposta cambia Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan o papel de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. No equipo artístico figuran Pablo Giraldez Ou Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo de Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bo na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.