A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu en Santiago de Compostela por videoconferencia a Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, unha xuntanza na que trasladou que a Xunta está ultimando os pagos do Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e os establecementos hostaleiros pechados como consecuencia das medidas sanitarias e que todos os que solicitaron a axuda e que cumpran cos requisitos recibirán o apoio económico.
A titular de Emprego e Igualdade afirmou que se prevé que en xaneiro rematen os pagamentos e que en febreiro estea listo o segundo Plan de rescate, que volverá a incluír axudas directas aos sectores máis afectados polas novas restricións sanitarias. A Administración autonómica xa está traballando na configuración deste documento para apoiar a solvencia das empresas galegas. Así, a Xunta segue a manter un contacto fluído cos interlocutores sectoriais para perfilar os apoios, con atención especial ao sector da hostalería. Onte reuniuse coa CEG e sindicatos no marco do Diálogo social e hoxe coa Mesa do Emprego Autónomo.
Lorenzana volveu a reiterar que o Goberno galego está ao carón dos autónomos e de todos os sectores con maiores dificultades, poñendo en valor o esforzo que está a facer o tecido empresarial e o conxunto das familias galegas.
Os autónomos son un colectivo prioritario para a Xunta: Galicia é a comunidade autónoma con maior peso do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) no total da afiliacións á Seguridade Social (23,11%) e con maior presenza da muller (42,49%). Neste último eido, a Mesa do Emprego Autónomo incorporou como novidade a representantes da Secretaria Xeral da Igualdade e da Dirección Xeral de Relacións Laborais para seguir avanzando na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres neste colectivo.
Na xuntanza, ademais, abordáronse as necesidades do colectivo en materia formativa. Así, Lorenzana indicou a importancia de adaptar a formación ás novas necesidades que está requirindo o mercado de traballo no novo contexto xerado pola pandemia.
A Consellería de Emprego e Igualdade está a elaborar un estudo de tecnoloxías emerxentes, que permita formular unha proposta de catálogo formativo dos perfís profesionais que serán necesarios a medio e longo prazo. Ademais, Lorenzana lembrou que o Goberno galego conta na actualidade cun ambicioso programa de cualificación dirixido tanto a persoas traballadoras desempregadas como ocupadas.