Marina Ortega reclámalle á Xunta que suprima o copago aos usuarios do servizo de axuda ao fogar

Marina Ortega presentará unha iniciativa parlamentaria no próximo Pleno para pedirlle ao goberno galego que incremente a súa achega a este servizo, que leva dez anos conxelada

AVANTAR ACTIVIDADES

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclámalle á Xunta que elimine o copago dos usuarios do Servizo de Axuda ao Fogar e sexa asumido pola administración autonómica. A responsable socialista presentará unha proposición non de Lei no Pleno que comeza este martes para incrementar as achegas autonómicas a este servizo para o coidado a domicilio de persoas con necesidades asistenciais.

A parlamentaria socialista reclámalle ademais ao goberno galego que incremente as súas achegas para este servizo, logo de dez anos conxeladas a pesares do aumento dos custes, e que están a ser asumidos polos concellos galegos. A situación chegou ao punto de que “un dos maiores gastos locais para moitos concellos é o coste que supón o SAF pola ausencia da actualización da cota que a Xunta ten que aportar ao servizo”.

Ortega afeoulle ao goberno galego lle digan aos concellos que “eu convido e ti pagas”, ao negarse a actualizar as cotas cando “é fundamental, hoxe máis que nunca, que a Xunta asuma as súas competencias, axudando aos concellos e garantindo un servizo axeitado aos cidadáns”. Lembrou que o goberno galego é “o segundo do Estado que menos inviste en Dependencia por habitante”.

A portavoz de Política Social reclamoulle ao goberno galego que aumente a súa aportación dende os 8 aos 12 euros por hora de Servizo de Axuda ao Fogar. Reclámalle así que equipare as aportacións ás que estivo a facer entre o 11 de abril e o 30 de novembro, cando asignou 500.000 novas horas mensuais nun SAF extraordinario por motivo da pandemia, pero que non volveu recuperar na terceira onda de coronavirus.

Baixa voluntaria

Explicou ademais que “dende que se iniciou a pandemia, moitos usuarios déronse de baixa voluntaria” no servizo, o que provoca que “nestes momentos non están a disposición de novas altas, pero tampouco se están aplicando”. Sinalou que “polo tanto, a Xunta ten que asumir o custe desas horas para evitar que as propias auxiliares teñan dificultades laborais ao non completar a xornada”.

Proposición non de lei en Pleno.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Marina Ortega Otero e Julio Torrado Quintela, a través do seu portavoz, e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte Proposición non de lei en Pleno.

Exposición de motivos

O 11 de abril a Xunta de Galicia anunciaba un Servizo de Axuda no Fogar extraordinario para responder a situacións de emerxencia durante o tempo de alerta sanitaria causada polo Covid-19. En concreto a Xunta informaba de que asignarían 500.000 novas horas mensuais aos concellos para o coidado a domicilio das persoas con necesidades asistenciais, así como unha maior aportación  económica  ao  servizo,  respecto  do  SAF  ordinario.  En  canto  ao copago que habitualmente fan os usuarios de dependencia no SAF ordinario, a Xunta de Galicia comprometeuse a que asumiría o custe dos mesmos.

O día 30 de novembro a Xunta de Galicia anunciou que retira este servizo extraordinario aos usuarios dependentes que dada a situación epidemiolóxica estaban percibindo.

Dende o Grupo Socialista consideramos que as condicións deste servizo teñen que ser as que motiven o SAF ordinario, tendo en conta que a aportación da Administración autonómica no SAF extraordinario foi de 12 euros por hora, e asumiu o copago dos usuarios.

As administracións locais fixeron un gran esforzo económico para paliar as consecuencias da pandemia provocada pola Covid-19. Un dos maiores gastos locais para moitos dos concellos é o coste que supón o SAF pola ausencia da actualización da cota que a Xunta ten que aportar ao servizo.

Polo tanto nun momento de crise sanitaria, consideramos que é urxente que o Goberno da Xunta de Galicia asuma o copago do total de usuarios do SAF ordinario en Galicia neste contexto, así como aumentar a aportación que fai por parte da Administración a este servizo polo menos aos 12 euros como si aportou no SAF extraordinario.

Por outra banda, dende que se iniciou a pandemia, moitos usuarios déronse de baixa voluntaria, feito que deriva en que esas horas non están a disposición de novas altas, pero tampouco se están aplicando. Polo tanto a Xunta ten que asumir  o  custo  desas  horas  para  evitar  que  as  propias  auxiliares  teñan dificultades laborais ao non completar a xornada.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que aumente a achega da Administración autonómica do SAF ordinario, así como que elimine o copago dos usuarios e sexa asumido pola Administración.