Moción do grupo municipal popular en apoio da creación dun fondo de cooperación galego covid-19

Algúns membros do Partido Pular durante a celebración dun pleno, con separacións.

O Grupo Municipal Popular no concello do Carballiño, de acordo co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno a seguinte Proposta de MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A hostalería é un dos sectores nos que maior impacto teñen as restricións sanitarias implantadas para a contención da pandemia da COVID-19. Trátase dun sector que abrangue a preto de 20.700 establecementos en Galicia, a maior parte pequenas e medianas empresas que son fonte de subsistencia de moitas familias galegas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta situación require dunha resposta institucional contundente e integral por parte das distintas administracións públicas (Goberno central, Xunta de Galicia, deputacións e concellos) que contribúa a apoiar a supervivencia dos establecementos. Neste marco, a Xunta de Galicia leva meses mantendo un diálogo constante con representantes dos hostaleiros e hostaleiras. No seo desas xuntanzas acordáronse medidas como un Plan específico de axudas para o ocio nocturno, por ser o sector que se mantivo totalmente pechado por máis tempo, e, máis recentemente, un Plan de Rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia. Este último plan está dotado de 86,2 millóns de euros e contén tres liñas de axuda ás que pode acceder á hostalería, ademais unha liña exclusiva para este sector dotada con 17 millóns de euros de crédito.

Por outra banda, o Goberno galego habilitou tamén nos últimos meses liñas de préstamos directos para autónomos e pequenas empresas con máis problemas de liquidez por importe de 10 millóns de euros ou axudas para a adaptación das terrazas da hostalería e a adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local (3 millóns de euros). Ademais, avanzouse que as axudas continuarán mentres se prorrogue a situación.

En paralelo, algúns concellos e deputacións habilitaron medidas de apoio, normalmente non específicas para este sector, e o Goberno central un plan de axudas ao sector Horeca que non incluíu axudas directas.

Considerando que as achegas nos vindeiros meses deberán continuarse dada a evolución da situación sanitaria, na súa xuntanza do pasado 13 de xaneiro, tanto o Goberno galego como os representantes da hostalaría propuxeron abrir unha tripla fronte mediante un fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta de Galicia, deputacións e os concellos para salvar do peche ás empresas e autónomos da nosa comunidade, seguindo o modelo da comunidade autónoma de Valencia, onde a Generalitat aportará o 50% de dito fondo, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante.

Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no concello do Carballiño, presenta a seguinte:

PROPOSTA DE ACORDOS.1.-O concello do Carballiño, en coñecemento da situación que atravesa o sector da hostalería na Comunidade autónoma, manifesta o seu apoio á demanda dos representantes deste sector de que todas as administracións públicas (Xunta de Galicia, deputacións e concellos) contribúan de xeito coordinado e con medidas de contido económico, no ámbito das súas competencias, a paliar a crise no sector, co obxectivo de acadar unha resposta integral á mesma.

2.- O concello do Carballiño comprométese a contribuír, xunto co resto de administracións públicas de Galicia, á creación do Fondo de Cooperación galego COVID-19, ao igual que o que se aprobou na Comunidade Valenciana, co obxectivo de achegar á hostalería todo o apoio mobilizable desde o conxunto das administracións públicas galegas. A Xunta de Galicia aportará o 50% de dito fondo, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante.

3.- O concello do Carballiño comprométese a estudar e, no seu caso, aplicar, as demandas que o sector ten feito ás administracións locais no ámbito das súas competencias e que algunhas teñen desbotado publicamente implementar:
3.1.- A redución ou exención das taxas municipais á instalación de terrazas, á recollida de lixo e á auga, para contribuír á supervivencia do sector hostaleiro durante as restricións máis elevadas.
3.2.- A aplicación dos tipos mínimos legais no imposto sobre bens inmobles (IBI); bonificacións do imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO) en relación as licencias de obra que se soliciten co fin de adaptar os locais as medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria e bonificación do imposto sobre vehículos necesarios para a actividade (IVTM) no caso do comercio e a hostalería.

4.- O concello do Carballiño solicita ao Goberno do Estado que aplique unha redución do IVE turístico ao 4%, que prolongue os ERTES de xeito consensuado cos axentes sociais mentres duren os efectos da pandemia e que inclúa axudas directas ao sector da hostalería no Plan de Rescate aprobado polo Consello de Ministros.