Marina Ortega critica un proxecto de lei de Impulso Demográfico “de escaparate”

Marina Ortega critica un proxecto de lei de Impulso Demográfico “de escaparate” cando o goberno galego recortou nos orzamentos de 2021 as partidas de xuventude e fixación de poboación

A deputada socialista Marina Ortega vén de cualificar como “cóctel molotov para a fuxida en masa” da poboación de Galicia as políticas de recortes da Xunta de Galicia. Fíxoo, hoxe no Pleno do Parlamento, durante o debate e votación do ditame sobre o proxecto de lei de impulso demográfico de Galicia, que foi aprobado polo PP en solitario co voto en contra do PSdeG.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Felicito dende aquí ao equipo de márketing do goberno galego, que fai que teñan titulares e saian nos medios dicindo que son os primeiros en traer unha lei de demografía, mentres recortan servizos no rural, na sanidade, na educación ou en xuventude”, aseverou, logo de recordar que en Galicia hai “70.000 empregos menos na última década” coas políticas do goberno Feijóo.

Ortega criticou unha “lei de escaparate” e “baleira de contido”, cando o maior parte do texto legal “se basea en medidas puntuais e sen gran transcendencia no eido familiar”, ao mesmo tempo que esquece “piares como a fixación de poboación no rural, que mesmo baixa a súa partida orzamentaria” con respecto ao ano anterior.

Nesta liña, lamentou que os orzamentos da Xunta tamén recortasen a partida específica destinada a xuventude para 2021, un dos “piares”, xunto á fixación de poboación, “sen os que esta lei non ten sentido”.

A responsable socialista criticou o “negacionismo” dun goberno galego “que non admite a perda das chamadas xeracións mellor formadas da historia” cando “o propio departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela indica que aproximadamente 150.000 galegos e galegas tiveron que deixar Galicia nas últimas dúas décadas e, aclaran que o problema non só é cuantitativo, senón cualitativo, xa que se vai mocidade con ampla formación”.

Nesta liña, Ortega lamentou a “dura realidade” que está a vivir unha “xeración perdida” que se formou grazas ás bolsas, pero “non atopa na nosa terra un futuro acorde ás súas posibilidades”. Así, lembrou que moitos galegos e galegas, “ao saír ao mercado laboral con toda a ilusión”, atópanse co desemprego ou mesmo co “triste dilema de ter que elixir entre un traballo menos cualificado ou precario, ou facer as maletas” para deixar Galicia.

Doutra banda, a socialista criticou unha lei “que amosa unha visión totalmente reducionista, esquecendo a premisa da cal debe partir un proxecto de tal magnitude, a transversalidade”. Así, incidiu na importancia de que “todas as áreas do goberno galego” plasmarase “nesta lei un traballo e unha posta de recursos en marcha que non existe”.

“Esta lei non ten alcance, nin dimensión, ni o compromiso suficiente para abordar o grave reto demográfico de Galicia”, sentenciou a socialista, quen acusou ao goberno galego a “agochar as políticas regresivas dos últimos 11 anos” e querer establecer “unha cortina de fume para tapar os recortes”.

Por último, Ortega lembrou que Galicia “é a comunidade máis afectada polo despoboamento de toda España”, polo que instou á Xunta a encarar “este desafío” con responsabilidade e levar a cabo “compromisos para blindar servizos como sanidade pública, educación ou vivenda para achegarnos á igualdade de oportunidades con independencia de onde vivamos”.