O Partido Popular aproba a liquidación das contas correspondentes ao exercicio de 2020

O presidente provincial, Manuel Baltar, afirmou que a primeira preocupación que o Partido Popular de Ourense ten hoxe “é colaborar desde as administracións públicas nas que está representado e goberna para deixar atrás canto antes esta pandemia”, situación que non impide que se poda seguir facendo traballo político”.

O Comité Executivo do Partido Popular de Ourense, reunido esta tarde en sesión telemática, aprobou a liquidación das contas correspondentes ao exercicio de 2020, que reflicten uns ingresos de 299.321,92 euros e uns gastos de 299.684,02 euros. Un resultado económico que ven dado polos procesos electorais correspondentes ás eleccións autonómicas, nas súas convocatorias de abril e xullo, así como polos gastos derivados da adquisición de material e maila adopción das medidas de seguridade e hixiene impostas polas autoridades sanitarias para facer fronte á COVID-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na primeira reunión deste ano dos órganos de goberno da formación popular, o presidente provincial, Manuel Baltar, subliñou o esforzo realizado na xestión económica durante o 2020 “para adaptarse á situación xerada pola pandemia, tanto no desenvolvemento da campaña electoral como para manter o normal funcionamento da sede provincial”.

Co inicio deste novo periodo de actividade orgánica, dixo Manuel Baltar, “estamos a demostrar que a crise sanitaria non e ningún impedimento para render contas diante da militancia e facer un novo exercicio de transparencia perante a sociedade”.

A primeira preocupación que o Partido Popular de Ourense ten hoxe “é colaborar desde as administracións públicas nas que está representado e goberna para deixar atrás canto antes esta pandemia”, subliñou o presidente provincial. Porén, “esta situación non impide que se poda seguir facendo traballo político, porque sen partido non hai goberno, grazas á oportunidade que nos brindan ás novas tecnoloxías de comunicación pero tamén ao compromiso de todos cantos formamos parte deste partido respondendo ás convocatorias que facemos desde a dirección”.