Manuel Baltar e o Círculo de Empresarios de Galicia estudan medidas de impulso económico

Videoconferencia Manuel Baltar con Patricia García González e Victor Jauregui Juarrero (Presidenta e Xerente do Circulo de Empresarios de Galicia).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coa presidenta e o xerente do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García e Víctor Jáuregui, para falar das actividades que, ao abeiro do convenio asinado entre a Deputación e esta entidade empresarial, se van desenvolver ao longo deste ano 2021. Baltar destacou que, a pesares da pandemia, “seguiremos mantendo e fomentando reunións para que os sectores produtivos da provincia teñan conectividade con cuestións como os fondos europeos para a reconstrución e os proxectos que se presenten no marco dos “New generation”, un escenario que nesta provincia ten indubidables potencialidades”. 

Tamén se abordou desenvolver accións encamiñadas á posta en valor do recente proxecto do goberno galego de recuperación de terras de dinamización do medio rural; e das enerxías renovables, en coherencia coas propostas e acordos que tiveron lugar no debate sobre o estado da provincia, con ese gran proxecto integral medioambiental na Limia, e outras cuestións que se enmarcan dentro da estratexia de economía circular, de economía verde, “na que tamén van ser actores significativos os concellos en canto que o pacto europeo “Green deal” contempla actuacións no eido local que van a reverter nun medio ambiente máis potente, que temos que fortalecer”, explica o presidente. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar salientou tralo encontro a importancia desta alianza estratéxica entre a Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios de Galicia, “unha alianza que fixo que contásemos tamén co plácet do Círculo para a posta en valor de infraestruturas que verán o seu nacemento e apertura en 2021, como o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, unha gran aposta desta deputación que vai a colocar a Ourense como capital da FP de Galicia e do Norte de Portugal”. “Seguimos falando de dinamismo empresarial, das axudas autónomos, que fomos quen de poñer en marcha desta esta deputación, en definitiva, da nosa conexión co sector produtivo, que fixo que constituiramos o Comité do Día Despois para apoiar a reconstrución económica, un sector co que expresamos a nosa máxima cooperación así como cos representantes de asociacións empresariais e cos axentes e colectivos que xeran riqueza e emprego no territorio”, expresa Baltar.