O Psdeg-Psoe de Ribadavia pide explicacións ao alcalde por aproveitamento do seu cargo

O Psdeg-Psoe de Ribadavia urxe explicacións ao alcalde ante as informacións que din que aproveitou o seu cargo público para facerse un test covid que non lle tocaba

Os socialistas denuncian, que de ser certas as informacións, “estamos ante un feito gravísimo e que debe ter consecuencias” e critican que o rexedor se negase no pleno de onte a contestar a estas preguntas

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro do PSdeG en Ribadavia, Nacho Gómez, solicita que “se abra unha investigación dos feitos” e reitera que o rexedor e o tenente de alcalde “deben dar explicacións ante un suposto acto imprudente, irresponsable e carente de ética moral”

Ribadavia, 29 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ribadavia urxe ao alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, explicacións tralo acontecido durante o cribado masivo a pacientes citados para as probas COVID-19 o pasado 22 de xaneiro. Os socialistas esixen respostas, logo das informacións recibidas nas que se afirmaba que tanto o rexedor como o tenente de alcalde, Miguel García, aproveitaron a ocasión para facerse un test anticovid de xeito irregular ese mesmo día e sen que estiveran citados para facer a mesma.

Dende o Grupo Municipal Socialista aproveitaron o pleno celebrado no día de onte en Ribadavia para cuestionar o alcalde sobre esta cuestión, pero atopáronse coa negativa constante do rexedor a responder a esta pregunta. Os socialistas xa denunciaran o pasado venres que Fernández estaba a “caciquear” con listaxes de persoas para un cribado da Covid-19, “pasando revista” na porta do antigo colexio da Alameda onde foron citadas 750 persoas. Os socialistas recordan que esta listaxe só pode estar en mans de persoal sanitario e do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Unha actuación que dende o PSOE consideran “reprobable” e sinalan que “causou inquedanza aos alí presentes”.

Os socialistas esixirán á Xunta de Galicia e a xerencia do Sergas, que de ser certas estas informacións relativas as probas indebidamente feitas polo alcalde e o tenente de alcalde, “se proceda a reprobar estes comportamentos, faltos de toda ética e que non se trate de restar importancia ou xustificar dita actuación”. Para o PSdeG de Ribadavia estes episodios, no caso de confirmarse, “terían un grave calado” e consideran que se o rexedor e o seu tenente de alcalde “aproveitaron a súa posición de cargos públicos para facerse a proba, saltándose o protocolo deberían tomarse medidas por exemplaridade, xustiza e por respecto á veciñanza que están á espera de tan ansiada proba”.

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, subliña que “solicitamos que se abra unha investigación dos feitos e de ser certos, que se tomen as medidas oportunas e se busquen os responsables de esta situación absolutamente irregular e oportunista”.  O líder dos socialistas de Ribadavia tamén apunta a que “non valen escusas de que sobraron probas” e considera que “xa que hai moita poboación que non foi citada ao cribado, resulta escandaloso que algúns traten de aproveitar os seus cargos públicos para facelas”.

Para Gómez esta situación, de ser certa, “é moi grave e non ten xustificación posible, polo que esiximos que o alcalde e o tenente de alcalde dean explicacións tanto a corporación municipal como a xerencia do Sergas e a Xunta de Galicia para que se tomen as medidas oportunas por estes actos imprudentes, irresponsables e carentes de ética moral, que incorren nun agravio comparativo co resto de veciños e veciñas, non só no fondo, senón tamén nas formas”.

Desde o PSdeG-PSOE de Ribadavia solicitan que “se teña en conta á poboación que falta por facerse as probas da Covid-19 e se volva a levar a cabo un cribado á poboación restante, incluídos os alumnos/as, nenos e nenas dos colexios de Ribadavia, para demostrar a eficacia das medidas adoptadas no curso na prevención da COVID-19”. Os socialistas tamén trasladan o seu agradecemento “o traballo levado a cabo polas enfermeiras do Sergas e o GES de Ribadavia no operativo”.